Un informe de 2006 advertía do risco de afundimento da LU-651

Afundimento da estrada LU-651 ao seu paso polo concello de Folgoso do Courel (Foto: Concello de Folgoso do Courel).
A Xunta realizará unha declaración de emerxencia polo derrubamento.

O derrubamento o pasado 20 de marzo da estrada LU-651 que conectaba as localidades de Quiroga e Seoane do Courel, e que puido acabar en traxedia -no momento do accidente ninguén circulaba polo viario-, está a provocar a indignación de veciñanza da comarca quiroguesa ao transcender que un informe técnico de 2006 xa advertira á Xunta e ao Estado do risco de afundimento desta estrada

O derrubamento do viario LU-651 deixou a veciñanza do concello de Folgoso do Courel practicamente incomunicada. Debido ao afundimento, a alcaldesa de Folgoso, Dolores Castro, solicitou á cidadanía, a través das redes sociais, que "eviten utilizar este viario e transcorran por estradas secundarias", como a de Vidallón, por onde xa se desviou o tráfico cando se realizaron obras nesta vía.

De todos os modos, este risco de afundimento xa fora advertido nun informe xeotécnico de 2006 realizado pola empresa Prointec. Este documento informaba de que a estrada transitaba "sobre o baleiro", algo que podía provocar un derrubamento, como o que ao final acabou por se producir. Para alén diso, hai 16 anos xa eran visíbeis fendas e desprazamentos decimétricos. De todo isto fíxose eco a agrupación SOS Courel, que denunciou que "todas as advertencias sobre o risco de afundimento foron ignoradas de maneira sistemática pola Xunta".

Declaración de emerxencia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou onte a zona e anunciou a realización dunha "declaración de emerxencia para restabelecer a circulación entre Folgoso do Courel e Quiroga". Vázquez sinalou que "nestes momentos barállanse tres alternativas como posíbeis solucións prioritarias; a execución dun viaduto para salvar o treito da vía desprendido, a execución dunha vía de novo trazado ou a construción dun túnel máis afastado".

Tamén explicou que as causas dos danos sufridos na vía de titularidade da Xunta "apuntan ao colapso dunha das galerías subterráneas da canteira de lousa que se atopa nas proximidades". A este respecto afirmou que desde a Xunta "se realizarán as indagacións oportunas e se exixirán as responsabilidades que correspondan".

O Courel, de novo, sen internet

O afundimento da LU-651 provocou tamén o corte da conexión por fibra óptica a internet en todo o termo municipal de Folgoso do Courel, entre Seoane e Quiroga. Ademais, o corte da rede tamén deixou fóra de servizo os caixeiros automáticos e o centro de saúde da localidade, dificultando así a atención sanitaria.

A solución das eivas na conexión a internet no Courel é unha demanda que vén de lonxe. En 2018, o concello ficou sen conexión á rede nin conexión telefónica durante dúas semanas e aínda o pasado mes de novembro a multinacional Movistar anunciaba a supresión do servizo de telefonía fixa sen ofrecer alternativas á veciñanza. 

Outro problema que se revela após a afundimento da estrada ten a ver co transporte escolar, pois, debido ao derrubamento da estrada, ten que tomar un roteiro alternativo que aumenta o tempo de viaxe.