Infartar en Lugo, só en horario 'de oficina'

[Imaxe: @RaposoTamara]

Milleiros volven mobilizarse para reclamar a Feijóo que cumpra o comprometido en febreiro de 2011, cando inaugurou o hospital Lucus Augusti: servizos de medicina nuclear, radioterapia e hemodinámica as 24 horas do día para evitar os desprazamentos de doentes a Compostela e á Coruña


O 26 de febreiro de 2011, é dicir, hai dous anos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiu á inauguración do hospital Lucus Augusti e comprometeu a licitación dos servizos de medicina nuclear, hemodinámica e radioterapia en tres meses.

Aínda non chegaron hoxe, así que @s pacientes con doenzas de corazón ou con cancro teñen que se desprazar a Compostela ou á Coruña. Malia que el propio elevou á categoría de "paso histórico" a ampliación de prestacións sanitarias no HULA --Hospital Universitario Lucus Augusti, tal ampliación aínda non se produciu. 

Cal é a consecuencia?

Segundo os datos que manexa o propio hospital da Coruña, unha persoa que sofre un infarto en Lugo tarda de media 178 minutos en ser atendida; o tempo reduciríase á metade se a mesma persoa morase en territorio coruñés. A causa é, xustamente, a ausencia desa unidade de hemodinámica. As forzas políticas da oposición levan meses lembrándolle a Feijóo as súas palabras. 

Mais non só elas. Tamén os colectivos cidadáns e veciñais, estes últimos baixo o paraugas de Agrupa Lugo, desenvolveron importantes mobilizacións amparadas por criterios médicos. O máis importante: que a tardanza en aplicar o tratamento --o máis efectivo, a anxioplastica, isto é, a apertura da arteria-- se traduce nun aumento da mortandade por infarto, cifras que en Lugo duplican aqueloutras rexistradas en áreas sanitarias como Compostela, Vigo ou A Coruña, onde @s enferm@s si contan con sala de hemodinámica. O anuncio para adquirir o equipamento de hemodinámica publicouse no DOG --Diario oficial da Galiza-- esta quinta feira, o mesmo día en que máis unha multitudinaria manifestación reclamou para o HULA os servizos de medicina nuclear, radioterapia e hemodinámica as 24 horas do día.