Mónica Álvarez, presidenta de Acadar

"Infantilizar as persoas con discapacidade impide que se exerzan dereitos"

Ao fío da publicación da guía Violencia contra as mulleres con discapacidade, ver e recoñecer os sinais. 

Mónica Álvarez, é presidenta de Acadar, Asociación de mulleres con discapacidade (info@acadar.org). Conversamos con ela arredor da Guía Violencia contra as mulleres con discapacidade, ver e recoñecer os sinais. Neste senso, sinala que "a chave" é "o empoderamento das mulleres" como forma para exerceren os seus dereitos. Porén, para iso é preciso ter acceso á información e capacidade de decisión propia. Algo que se ve limitado por múltiples cuestións, a comezar polas barreiras arquitectónicas. "Se non podo acceder a unha tenda" e "teño que ir acompañada, xa non estou a decidir por min mesma", afirma. 

É a primeira vez que se publican estatísticas arredor da violencia e as mulleres con discapacidade. Por que decidistes editalas?
Existen algunhas recollidas o pasado ano polo Observatorio contra a violencia de xénero. Nelas saían dados sobre mulleres con discapacidade mais nós botábamos en falta un maior abano a respeito dos distintos tipos de violencia. Quixemos editalas nós porque cremos que o resto da sociedade non ten concienciación da nosa maior vulnerabilidade e se non somos quen de recoñecer os sinais, non podemos actuar. A guía foi concibida como unha ferramenta para identificar esa realidade e actuar para mudala. É unha ferramenta para toda a sociedade que resulta da continuación dun traballo que comezou en 2011 co proxecto Descubre a nosa realidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade através do Fondo Social Europeo. Traballamos con grupos de mulleres para as empoderar [desde a súa fundación en 2009 atenderon 500 mulleres nos distintos programas]. Fixemos unha reportaxe fotográfica e unha exposición que levamos ás rúas e prazas de distintas cidades e vilas co obxectivo de convidar a xente que pasaba a reflexionar sobre a nosa realidade. 

As persoas con discapacidade teñen menos oportunidades laborais derivadas dos estereotipos

É unha ferramenta para profesionais ou tamén para as propias mulleres con discapacidade?
É para profesionais mais editada de maneira atractiva de xeito que as propias imaxes e cores que se utilizan permitan a golpe de vista entender de que falamos, os distintos tipos de violencia, e tamén como poder axudar para saír desa situación. Se temos a renda da nosa vida todas e todos temos cabida na sociedade.

Os dados reflicten que a violencia machista atinxe dúas veces máis as mulleres con discapacidade e que o 35% delas sufriu violencia sexual e/ou física. Que inflúe nesa realidade, a que se debe unha maior porcentaxe a respeito das mulleres sen discapacidade?
A propia discapacidade pode xerar maior indefensión mais tamén, por exemplo, se se nos nega a información sobre os nosos dereitos sexuais e reprodutivos é difícil que poidamos identificar que estamos a ser agredidas. Imaxina cando che impoñen un tipo de vida, de parella ou o feito de se a podes ter ou non. Así dificilmente podemos ter unha sexualidade plena. É importante para nós que as mulleres estexan informadas e poidan decidir por si mesmas.  

A sobreprotección é unha forma de violencia pois impide o desenvolvemento da persoa e a súa participación activa

Na guía incluídes o paternalismo como parte da violencia cultural. 
A sobreprotección é unha forma de violencia pois impide o desenvolvemento da persoa e a súa participación activa. Iso pode carrexar o non acceso á educación e mesmo a un traballo remunerado. A infantilización [das persoas con discapacidade] impide que se exerzan dereitos. 

Cal é a realidade da inserción laboral?
As persoas con discapacidade teñen menos oportunidades laborais derivadas dos estereotipos e tamén da falta de acceso a unha vida independente. Nese contexto, as mulleres posúen os índices de desemprego máis altos. 

Como reverter esta situación?
Incidir no proceso de empoderamento para que as mulleres con discapacidade sexan as que tomen as súas decisións, poidan ter máis participación e unha vida activa pois unha persoa que descoñece os seus dereitos non os pode exercer. 

 

Fe de grallas. Inicialmente sinalouse, e de maneira errada, que o apelido da entrevistada era Vázquez cando, en realidade é Álvarez.