A infancia, refén da pandemia

Os parques infantís permanecen fechados como unha das restricións derivadas do estado de alarma polo coronavirus. (Arxina)
Entrada xa a cuarta semana da reclusión domiciliaria que supuxo a declaración da emerxencia sanitaria e o estado de alarma, Galiza e España teñen en Europa exemplos de confinamentos que inclúen maior flexibilidade para facilitar a corentena ás familias con menores. 

É o caso de Portugal, que non chegou a prohibir as saídas –breves e supervisadas–, ou de Italia, que acaba de rebaixar as restricións para permitir que as crianzas poidan empezar a pasear, acompañadas dunha persoa adulta.

As últimas mensaxes do ministro de Sanidade, Salvador Illa, e do propio presidente, Pedro Sánchez, fan aventurar unha progresiva permisividade para que nenos e nenas poidan pisar a rúa, á que até agora unicamente se deu acceso mediante diagnóstico de alteracións condutuais ou trastorno de espectro autista e comportamentos disruptivos que poidan agravarse co encerro.

Porén, malia os beneficios recoñecidos das saídas para o conxunto da poboación, profesionais da psicoloxía e a psiquiatría na Galiza desbotan esta solución "aquí e agora". É o caso de Nuria Lago, vogal da sección de psicoloxía educativa do Colexio de Psicoloxía da Galiza e psicóloga sanitaria. "A día de hoxe, cos datos de persoas enfermas e contaxios, os riscos son maiores que os beneficios, que claro que os ten", estima, chamando á "responsabilidade" cívica. 

A especialista admite que a poboación infantil, "pola maior dificultade de comprensión, falta de madurez e maior impulsividade", sofre en maior medida a reclusión, mais salienta a "capacidade resiliente" que, con carácter xeral, teñen nenas e nenos. "Son máis fortes do que as familias supoñen, e cando se lles explican as cousas con honestidade e transparencia, adaptándose á súa idade e capacidade de comprensión, encaixan a situación mellor do que imaxinamos", subliña. 

Aceptando que nunha situación de confinamento como a actual, "a medida que pasan os días, a posibilidade de sufrir alteracións emocionais increméntase", a profesional recalca que unha relaxación das restricións neste momento tería un "risco elevado". "Temos que aguantar un pouco máis e, segundo evolucione, talvez nuns días poidamos dicir outra cousa", estima.

Nun sentido similar, a psiquiatra especializada en traumas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña Anabel Gómez alude ás dificultades "a nivel de intendencia" nunha situación que, recalca, "é de vida ou morte". "Tanto a familias como a menores viríalles ben saír da casa. Agora, estamos, como sociedade, en condicións de facelo, de manter as medidas de control necesarias para evitar contaxios?", pregúntase. 

Para a experta, o impacto que o confinamento terá nas pequenas e pequenos dependerá, en gran medida, de como este se viva na casa. "Nun menor inflúe todo. Pero máis que a parte física, terá incidencia o estado emocional da nai e do pai, se é construtiva e axuda os fillos e fillas ou, polo contrario, se o vive de forma moi negativa", reflexiona, recoñecendo que a reclusión "é complicada", sobre todo en menores de entre tres e seis anos.

Desde a asociación de profesionais da pedagoxía Apega, José Manuel Suárez Sandomingo, pon o foco na adolescencia, "onde a obriga de estar na casa pode xerar máis conflito", se ben minimiza o impacto que a corentena terá nos menores, malia o reto que supón para as familias a atención durante 24 horas. "Malia a excepcionalidade da situación, asúmena con bastante normalidade", opina. 

Aprender a xestionar a frustración e o aburrimento no confinamento

A tensión que provoca a crise sanitaria, unida a unha atención ininterrompida das crianzas e á dificultade de proporcionar entretemento  as 24 horas, combinada co traballo ou o teletraballo e o resto de tarefas diarias son factores que, segundo concordan as fontes expertas, dificultan aínda máis a corentena nos fogares.

Con todo, para a psiquiatra Anabel Gómez, dela poden sacarse aprendizaxes produtivas para as menores, como son "aprender a aburrirse e a frustrarse, a estar tristes, a encaixar situacións negativas...".  "Cun bo coidado, estas cousas poden manexarse", conclúe a profesional, que chama tamén as familias a reforzar a actividade física dentro da casa -mediante xogos, baile e outras actividades- para "tentar substituír a necesidade de desfogar que teñen as e os menores". 

Na mesma liña, desde o Colexio de Psicoloxía, Nuria Lago estima que o confinamento "pode servir para adestrar a tolerancia á frustración" na infancia.