Portugal proba a gañar tempo para frear o virus

Un día antes de que o Goberno de Pedro Sánchez decretara o estado de alarma, Portugal impulsaba xa medidas para conter o coronavirus, só 11 días despois de confirmar os primeiros casos, que no territorio español comezaron a coñecerse o 31 de xaneiro. 
 
2020032421072910039
photo_camera En Lisboa (na foto) o confinamento só é obrigatorio para persoas contaxiadas. (Europa Press)

Unha incidencia máis próxima á da Galiza que á de España e un mes de distancia respecto desta última na confirmación dos primeiros casos, Portugal enfronta con maior anticipación a expansión do coronavirus, que alí causou os primeiros positivos o pasado día 2 e que até o momento custou a vida a 33 persoas

Apenas dúas semanas máis tarde dos primeiros diagnósticos, o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, decretaba a pasada quinta feira (día 19) no país luso o estado de emerxencia, que endurecía as restricións anunciadas sete días antes mediante a declaración do estado de alerta, polo que xa se pecharan escolas, discotecas e bares, se restrinxía a chegada de cruceiristas e se suspenderan competicións deportivas. 

A decisión, adoptada o día 13, practicamente coincidiu no tempo coa emerxencia sanitaria fixada pola Xunta na Galiza e, un día despois, co estado de alarma decretado polo Goberno central. Porén, as medidas que se aplican hoxe nun e noutro territorio teñen distinto alcance, cunha certa permisividade de mobilidade para a poboación portuguesa, nun momento no que as cifras de incidencia da pandemia están aínda moi lonxe das españolas, con 2.362 casos confirmados (dato de onte). 

A diferenza do confinamento xeneralizado –con excepcións– fixado polo Goberno de Pedro Sánchez e proposto, en principio, até o 12 de abril, as decisións acordadas polo Goberno portugués para concretar o estado de emerxencia non implican o isolamento obrigatorio da poboación, senón unicamente de doentes e persoas baixo observación sanitaria por sospeita de infección, ben no propio fogar ou nun centro sanitario. 

A poboación maior de 70 anos, con enfermidades crónicas ou inmunodeprimida ten un deber de "especial protección", que acouta as súas saídas da casa a unha serie de supostos como é a adquisición de "bens e servizos", asistencia sanitaria, actividade física –por espazos breves de tempo e en soidade–, necesidade de servizos financeiros, de banca ou seguros e paseo, tamén breve, de mascotas. 

Para o resto da poboación, o estado de emerxencia –que ten unha vixencia inicial até o 2 de abril– amplía as posibilidades de saída a outras actividades ademais das obrigas laborais, que van do coidado de familiares ou unha breve actividade física (non colectiva), voluntariado social e visitas, se ben pauta o "recollemento" no domicilio.

O decreto polo que o Goberno do primeiro ministro António Costa desenvolve a execución do estado de emerxencia queda lonxe das posibilidades que contemplaba aquela declaración, que habilitaba o Goberno a poder recurrir ao exército para asumir a seguridade, restrinxir o dereito de folga ou intervir prezos de produtos básicos e mesmo recrutar  traballadoras e traballadores para a fabricación de produtos "estratéxicos". 

Abertos os servizos de primeira necesidade

Como no Estado español, as medidas de control da pandemia supoñen o peche de recintos sociais, culturais, deportivos e de ocio, así como dos estabelecementos abertos ao público do comercio minorista que non presten servizos considerados de primeira necesidade, como son tendas de alimentación, hixiene, farmacias, ópticas, ortopedias, servizos veterinarios e tamén estacións de servizo, tinturarías, negocios de mantemento e reparación de vehículos, electrodomésticos ou dispositivos tecnolóxicos ou entidades financeiras.

Porén, no caso de Portugal, o decreto para a execución do estado de emerxencia fixa unhas limitacións fronte aos efectos sobre o arrendamento de locais comerciais, ao advertir que o peche de instalacións e estabelecementos derivados das medidas de control do coronavirus non poderá usarse como base para a resolución ou extinción de contratos "non relacionados coa vivenda" nin como base para a obriga de desocupar instalacións. 

Teletraballo "obrigatorio"

A diferenza do decreto do Goberno español, o portugués si estabelece como "obrigatoria" a adopción do réxime de teletraballo, "independentemente do vínculo laboral", sempre que sexa posíbel. Desta maneira, o Goberno dá un paso máis ao que se pautou na declaración do estado de alerta, que deixaba a criterio da empresa ou do persoal a adopción ou non desta modalidade laboral. 

No tocante á mobilidade, que en España queda acoutada ás posibilidades de circulación por traballo, alimentación ou servizos de primeira necesidade, asistencia sanitaria ou atención a maiores, menores e persoas vulnerábeis, e supostos de "causa maior", a regulación lusa semella máis permisiva, malia advertir que os dereitos de circulación son, coas liberdades económicas, os máis afectados polas medidas de urxencia.

O decreto admite, ademais dos motivos laborais, sanitarios ou de coidados, o movemento para posibilitar "o mantemento de funcionamento da sociedade". Desta maneira, non existe prohibición á hora de realizar viaxes dentro do país, coa salvidade do municipio de Ovar, no distrito de Aveiro, onde está declarado o estado de "calamidade" ante a especial incidencia do coronavirus, e hai declarada unha corentena con "cerco sanitario" até o vindeiro 2 de abril.

O feche de escolas "muito além" da "Páscoa"

O primeiro ministro de Portugal, António Costa, admitiu onte, no Parlamento, que o feche das escolas poderá “ir muito além” das vacacións da Semana Santa -a Páscoa- debido á pandemia da COVID-19. En resposta a Catarina Martins, do Bloco de Esquerda, e de Jerónimo de Sousa, do PCP, Costa admitiu que “provavelmente” o Goberno portugués decidirá “prolongar” o fecho das escolas “muito além” das citadas férias.

Os líderes do PCP e do BE preguntaran a Costa se o Goberno prolongaría ou non para as vacacións a axuda creada para as nais e pais que teñen que ficar na casa para coidar as crianzas menores de 12 anos. Costa desbotou prolongar a medida, posto que o período non lectivo xa estaba previsto no calendario escolar.

A situación de España e Portugal non é, a día de hoxe, comparábel, se ben o Goberno luso mira con preocupación o impacto da enfermidade na súa veciña e prepárase para un forte incremento das persoas afectadas para as datas vindeiras. Os últimos datos fixan alí a incidencia do coronavirus en 2.362 casos confirmados e outros 13.674 sospeitosos. Até o momento producíronse 33 falecementos e 22 recuperacións.


A data de onte, o Ministerio de Sanidade español elevaba o número de contaxios até os 39.673 casos –con 2.636 persoas ingresadas nas UCI–, o que supón 6.582 casos máis que o día anterior, un incremento de 20%. Desde o inicio da crise do coronavirus, que se remonta en España ao 31 de xaneiro –data en que se confirmaron os primeiros positivos– faleceron 2.696 persoas. Neste tempo, outras 3.794  persoas lograron superar a enfermidade.

Comentarios