Día da Infancia

A carencia de pediatras e matronas, camiño de se converter nun problema crónico

A mobilización das familias busca garantir a atención pediátrica especializada.
A carencia de pediatras e matronas nos centros de saúde da Galiza comeza a converterse nun problema crónico. Así o ven as familias, que despois de numerosas protestas locais, salteadas por comarcas de todo o territorio, decidiron unir as súas forzas nunha plataforma única para darlle voz ás dificultades de atención que atravesan, sen resposta por parte da Administración. Coincidindo  co Día Mundial da Infancia, lanzan unha campaña en redes sociais. "Non imos permitir que nos arrebaten a Atención Primaria, moito menos agora coa crise sanitaria que estamos a vivir".

A falta de pediatras e matronas implica unha desigualdade fundamental no acceso á saúde. Así o entenden familias de toda Galiza mobilizadas ao abeiro da plataforma Pediatras xa! Matronas xa!, creada pola iniciativa de colectivos locais que dende hai tempo lamentan a carencia de especialistas na Atención Primaria.

Segundo recolle a Constitución e defenden nun escrito público dirixido á Xunta da Galiza, "compete aos poderes públicos, neste organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios". Máis no caso da saúde das crianzas e das mulleres, recalcan, "este dereito fundamental incúmprese en moitos municipios da Galiza".

É o caso da Baña, Dumbría, Oia, Barro, O Saviñao, As Somozas, Maside... Ducias de concellos sen pediatra nin matrona ou con especialistas itinerantes que acoden á consulta uns días ou unhas horas á semana.

Protestas de vello

As protestas veñen de lonxe. En novembro de 2017 xa consta a recomendación da Valedora do Pobo á Consellaría de Sanidade "para planificar a incorporación de pediatras ao Sistema Galego de Saúde" a propósito do desmantelamento do servizo de pediatría do centro de saúde de Chantada.

Comprobamos que o problema viña de atrás e que non era só noso, senón que afectaba a familias de moitas comarcas do rural galego

Entón, Milagros Otero Parga, á  fronte da institución, advertiu ao Goberno galego da necesidade de proceder "á elaboración dun estudo de posíbeis fórmulas que incentiven aos profesionais sanitarios para prestar servizos como especialistas de pediatría nos centros de saúde, así como a preparación dun informe que inclúa a planificación a longo prazo das necesidades reais de tales facultativos, trasladando o resultado á proposta de cota que presenta Galiza na distribución de prazas de especialidades médicas que aproba o Ministerio de Sanidade".

Unha recomendación que volveu trasladar en anos sucesivos a propósito das queixas da veciñanza de Coruxo, en Vigo; de Baltar, en Sanxenxo; de Cambre ou de Carral, instando a Administración a indicar as medidas necesarias para garantir a atención sanitaria urxente ou ordinaria ante ausencias regulamentarias ou definitivas do persoal, segundo os casos.

Costa da Morte

O movemento Pediatra xa! prendeu na Costa da Morte no concello de Zas, onde pasaron até tres meses sen especialista, con visitas ao centro de saúde de Vimianzo. De aí estendeuse a Fisterra, Dumbría, Muxía, Mazaricos e Cee. "Cando a precariedade do servizo comezou a propagarse convimos a necesidade de xuntarnos", sinala Vanessa Viquendi, voceira da plataforma. "Comprobamos que o problema viña de atrás e que non era só noso, senón que afectaba a familias de moitas comarcas do rural galego".

O colectivo comezou a reclamar o apoio dos movementos locais e dos Concellos. Ao mesmo tempo iniciou un labor de investigación para coñecer a realidade de cada localidade.

"Fáltannos moitos datos, pero sabemos que Muros e Carnota están a compartir pediatra; e as mulleres de Carnota teñen que ir a muros á matrona, que tampouco atende todos os días. Dumbría non ten pediatra, conta cun puericultor dous días á semana, e matrona dúas horas un día ás emana, máis actualmente non ten substituta. En camariñas é un médico de familia quen atende as crianza. En Monfero, sen especialista poden chamar por teléfono ao que está en Pontedeume".

Seguimento itinerante

A Lama, Cedeira, San Sadurniño, Trives, Verín... Vanessa Viquendi enumera diversos escenarios de protesta no último ano cunha demanda común: acceso continuado a un servizo de pediatría digno e de calidade. "Pero o máis que fixo a Xunta foi desvestir un santo para vestir outro. E vímolo no caso de Verín, a onde desprazou a pediatra de Cee, que quedou sen especialista".

Con motivo do Día Mundial da Infancia, a plataforma traslada ás redes sociais cunha campaña baixo o lema 'Estes recortes parámolos unidas'.

"Queremos que a Xunta nos escoite, e que asuma as súas competencias na xestión da Atención Primaria. Sabemos que hai un problema de carencia con respecto ás prazas MIR dispoñíbeis, pero a nosa obriga é exixirlle solucións ao Goberno galego, a quen lle corresponde cubrir todas as baixas, vacacións e xubilacións sen sobrecargar o persoal", afirma Viquendi. E para iso, incide, "terán que mellorar as condicións de traballo e estabelecer incentivos que animen as profesionais a ser e exercer como pediatras , tamén no rural".

Na procura deste obxectivo, hoxe, Día Mundial da Infancia, a plataforma traslada ás redes sociais cunha campaña que pretenden facer viral baixo o lema "estes recortes parámolos unidas" e o cancelo #pediatrasXa #matronasXa. "Só hai que subir unha foto en branco e negro cos brazos en X -anima- polo dereito das crianzas e das embarazadas a unha sanidade pública de calidade".

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]