Educación Secundaria, Bacharelato e FP

Inestabilidade e enfrontamento, a realidade dun inicio de curso inusual

Imaxe de arquivo da presentación da folga na Secundaria, Bacharelato e FP. (Foto: Nós Diario)

As direccións dos centros de secundaria e os sindicatos amósanse moi molestos dos constantes cambios de criterio e anuncios da Xunta. Pola súa parte, o conselleiro de Educación insiste nun modelo lectivo mixto pero di que dará contratacións de persoal.

Non só a educación Infantil e Primaria está a vivir un inicio de curso movido. A resignación das crianzas a levar máscara e non gozar ao 100% desta etapa na escola e o desgusto de pais e nais polas circunstancias e os máis que posíbeis gromos nas aulas, dan paso a unha situación moito máis complexa na educación Secundaria, Bacharelato e FP.

O enfrentamento entre o profesorado e a Administración e a inestabilidad están marcando os días previos ao regreso aos estudos para miles de rapazas e rapaces que, en gran parte dos casos, viven o seu último ano de instituto antes de chegar á Universidade ou a un mercado laboral igualmente incerto.

De cara ao inicio de curso, que polo momento está adiado só do 16 ao 23 de setembro, hai moitas novas pero unhas estanse a contradicir ás outras e non hai un contexto claro ao que adaptarse. Esta situación cambiante é precisamente a que preocupa ao profesorado e ás centrais sindicais, que van facer outra xornada de folga o mesmo día 23.

A primeira cita para exixir que se suprimirán as desigualdades entre Primaria e Secundaria e que as distancias de seguridade se aplicasen "tamén nos servizos complementarios de transporte, de comedores, de madrugadores e de actividades de conciliación que se desenvolvan ao abeiro da actividade educativa", foi o día 10 sen que polo de agora ninguén atendese ás peticións. Se cadra mesmo sucedeu o contrario ou a falta de claridade ao respecto das medidas institucionalizouse.

Cambio de interlocutor ás présas

A decisión da Consellaría de Educación de mudar o inicio das clases obrigada polas presións dos equipos directivos de institutos de Compostela, Pontevedra e A Coruña, acrecentou a disconformidade absoluta que hai coa forma de traballar da Xunta nestes meses e semanas previas ás clases.

Ninguén na comunidade educativa galega esquece que houbo que fechar o curso pasado con ensino a distancia (e pode que certa perda de nivel ou costumes do alumnado) e agardábase que non se fiase todo á improvisación.

Porén, a destitución da conselleira do ramo, Carmen Pomar, en pleno regreso á escola e a reestruturación do departamento por parte do repescado Román Rodríguez cando os equipos directivos dos institutos estaban a agardar resposta ás súas peticións de material, fondos e persoal, entre outras cuestións, xeraron un clima aínda máis tenso entre as partes implicadas.

“Evidentemente sentímonos orfos de decisións. Así estivemos nos meses pasados e temos que estar tomando decisións sen ter un criterio claro co que actuar", di Dapena

Se ben é certo que algunhas voces dixeron confiar na chegada de Rodríguez á Consellaría de Educación, non o é menos que, sexa cal sexa a súa previsión de xestión, esta implántase ás présas e cambia as escasas pautas nas que se estaban a mover os centros de educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

“Evidentemente sentímonos orfos de decisións. Así estivemos nos meses pasados e temos que estar tomando decisións sen ter un criterio claro co que actuar. Agardamos que a partir de agora exista unha liña clara cunhas decisións claras”, remarcaba Javier Dapena hai uns días nunha entrevista en Nós Diario.

O director do IES Pontepedriña de Compostela foi un dos oito compañeiros –do total de dez institutos da cidade- que anunciou o atraso do inicio do curso por decisión propia. Esta medida foi recollida por centros de Pontevedra e logo por algún da Coruña.

Ao final deuse unha semana máis de marxe para os preparativos pero con variacións que invalidan o pouco traballo adiantado. De feito, o novo anuncio do Executivo de Feixoo fixo que a directiva do IES Plurilingüe de Adormideras, un dos críticos da Coruña, dimitise das súas responsabilidades.

Do 1,5 metros ao ensino semipresencial ou con pantallas

Até finais desta semana as directoras e directores disponían da única nova –publicada na orde do 31 de agosto- de que tiñan que preparar as aulas sen ratios, só atendendo a que houbese 1,5 metros de distancia entre o alumnado.

Deron os poucos pasos que que podían con esa premisa, enviando os seus informes ás demarcacións de educación responsábeis para solicitar axudas co orxamento, profesorado extra para atender os desdobres…

Mais o fixeron sen saber se poderían organizar dalgunha forma o inicio do curso porque a última palabra está na Consellaría de Educación.

E malia que non semella que vaia a ser a última, a mudanza de cabeza visíbel nesta área tamén supuxo certos cambios de criterio. Onte Román Rodríguez asegurou que se fará a contratación de todo o profesorado que sexa necesario, pero volveu a insistir en que sería positivo apostar nun modelo con separación por pantallas e biombos.

"A medida favorecerá a implementación das medidas plantexadas no Consello Escolar da Galiza", subliña Educación sobre o atraso dunha semana

Ou mesmo retomou a idea de pensar nunha estrutura de clases semipresencial na que as estudantes foran turnándose para ir aos institutos. Dalgún xeito, tería características do ensino a distancia que se realizou durante a corentena porque non había outra opción.

Xa no comunicado co que se anunciou o cambio de datas, o departamento destacaba que "a medida favorecerá a implementación das medidas plantexadas no Consello Escolar da Galiza, como a instalacións de mamparas nas aulas e obradoiros ou a opción de demandar un sistema presencial no ensino non obrigatorio".

Ademais, avisábase de que, lonxe de destinarse a semana extra a facer os plans e as adaptacións de cada infraestrutura, todas as partes implicadas terían accións formativas "en materia hixienico sanitaria".

Posíbeis criterios económicos

Representantes sindicais como o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, veñen de denunciar que “é obvio que o cambio de criterio da Consellaría non responde a razóns sanitarias, como aducen, senón a razóns meramente económicas”.

Así o asegura porque ao trasladarlle as dúbidas ao novo secretario xeral técnico, Manuel Vila, só concretou que “as medidas que se adopten estarían dentro do marco da dispoñibilidade orzamentaria”.

“É obvio que o cambio de criterio da Consellaría non responde a razóns sanitarias senón a razóns meramente económicas”, sostén Bermello

"A folga do 23 de setembro non ten que ver co adiamento do curso, aínda que sí se programou para o primeiro dia lectivo pero agora os motivos aínda son maiores", recalca o sindicalista sobre o paro convocado conxuntamente con CCOO, CSIF e STEG.

Cun clima de tensión e poucas informacións claras e inequívocas para nais, país e estudantado (e mesmo para os corpos docentes), nin sequera está claro quen vai desinfectar as instalacións. De momento a polémica só chegou aos colexios de Infantil e Primaria pero non se descarta que sexa motivo para ampliar a distancia que hai entre o profesorado e a Xunta.

Mesmo haberá que agardar para ver se a Administración é quen de lograr que o curso comece, con todas as garantías e en todas as infraestruturas, o 23 de setembro.