Inés Trillo, santuario animal 'Vacaloura': "As administracións pónnos máis obstáculos a nós que ás granxas que maltratan animais"

Inés Trillo, fundadora e presidenta do santuario animal Vacaloura cun dos animais que rescataron do maltrato (Nós Diario)

O santuario animal 'Vacaloura' leva sete anos acollendo todo tipo de animais vítimas de maltrato. Contan con voluntariado e apoio particular de persoas que, a nivel privado, consideran que é importante dar unha segunda oportunidade para que teñan un fogar. Agora, desde esta asociación buscan apoios para mercar unhas novas instalacións en condicións co fin de seguir realizando este labor. Inés Trillo, a súa fundadora e presidenta, explícanos a proposta.   

Como nace o santuario animal 'Vacaloura' e cal é a súa función?

O proxecto nace en 2013 a raíz dunha necesidade que vimos. Había animais, sen seren cans ou gatos, que xa tiñan refuxios aínda que insuficientes, desprotexidos. Somos veganos e decatámonos desa circusntancia polo que aproveitamos un pequeno baixo con horta para acollelos.

Comezaron a chegarnos casos doutras persoas veganas, ou non, e desta maneira rescatamos galos, pitos, porcas vietnamitas e outras especies. Deste modo creamos un refuxio para eles.

A comunidade animal foi medrando co tempo?

A través das redes sociais e de pasar o noso contacto aumentou o número de animais. Mesmo polas clínicas veterinarias ás que acudimos, que comezaron a contar con nós. O baixo con horta arrodeado de edificios quedou pequeno e daquela creamos unha asociación para facilitar o voluntariado e as vías de axuda para que se desenvolvera a idea. Hai catro anos trasladámonos a un terreo mellor por pasar de ter 100 animais a máis de 250.

Nesa instalación estamos de alugueiro e non está en condicións polo que comezamos unha campaña para poder ter un máis grande e definitivo.  

Non hai colaboración por parte das administracións?

As administracións non facilitan nin o rescate destes animais. A maioría deles son os que denominan "de granxa" e a súa finalidade legal é acabar como consumo. Non se contempla a idea de que non acaben como carne, de que poidan ser "de compañía". Ás veces ponnos máis obstáculos legais a nós que a granxeiros que maltratan os animais. Cando un animal aparece abandonado por un granxeiro probabelmente por estar enfermo, é un perigo sanitario moito maior abandonado no monte por contaxiar outros animais silvestres que poidan traspasar esa enfermidade a outras explotacións.

Nós temos as nosas corentenas, control veterinario e analíticas. Cando comezamos había poucos santuarios no Estado español e agora somos moitos e facemos presión e forza para que se cree unha cobertura legal para a nosa situación. Polo menos que nos permitan facer o noso traballo con facilidade. 

Como afectou esta pandemia da Covid-19 ao santuario?

Nun principio cancelamos o voluntariado para evitar contaxios, aínda que polo noso tipo de asociación podiamos seguir contando con el para seguir mantendo a calidade de vida dos animais. Só fixemos xornadas extraordinarias mentres durou a corentena, para temas puntuais como cando nos chegou a palla, que desenvolvemos con moitas medidas de hixiene sanitaria.   

Como será ese refuxio definitivo?

Estará en Arzúa e ten catro hectáreas e media. Conta con árbores froiteiras, carballos, castiñeiros, que darán alimento aos animais que rescatamos. Ten unhas instalacións antigas que hai que renovar e construír algunhas novas. O bo que ten é que todo o que fagamos alí será para sempre. 

A axuda coa que contamos é toda do voluntariado, de xente particular, amadriñando un animal. Agora sacamos o calendario e cada mes está patrocinado por unha empresa. Ademais contamos cunha pequena marca de cosmética vegana e material de promoción de comercio xusto para o financiamento do santuario. mercar o novo lugar non chega polo que comezamos a campaña 'Un corazón para Vacaloura' convidando a apoiar achegando o seu corazón, a razón de 5 euros, para xuntar 10.000 corazóns necesarios para poder afrontar a compra. Temos como data límite o día 15 de novembro.