Inés Lobeira: "Danme ganas de dar 'tickets' para que a xente faga un 'tour' pola planta Covid"

A paciente María Luísa coa enfermeira Inés Lobeira.

Con 25 anos de experiencia como enfermeira, Inés Lobeira atende as preguntas de Nós Diario para facer ver a gravidade da situación que se está a vivir por mor da pandemia. Atende pacientes no Hospital de Montecelo (Pontevedra) na planta Covid onde "os pacientes ingresan de dous en dous e de tres en tres". 

Cal é a situación a respecto de pacientes Covid-19 no hospital?
Neste momento estamos en plena subida, os pacientes ingresan de dous en dous ou de tres en tres. Nótanse moito as consecuencias do Nadal e agora mesmo aínda estamos a ter ingresos por contaxios nas comidas do Día de Reis. A incidencia aumenta moitísimo e desde a Xerencia xa nos avisaron de que nos preparemos, porque calculan que a semana que vén vai ser o peor.
 
Dentro dos casos que chegan a Montecelo, hai tamén persoas novas e persoas sen patoloxías previas?
Temos casos de todas as idades, desde os 19 até os 90. Nos casos da xuventude poden vir por outras patoloxías que derivan a unha proba de PCR que sae positiva ou porque veñen cunha dificultade respiratoria e parece que non se decatan de cales son as consecuencias que pode deixar a Covid no seu organismo. 


Como afrontan os sanitarios día a día a súa xornada laboral? E os enfermos e as súas familias?
Nós afrontámolo como unha guerra na que temos que gañar a batalla día tras día, pero hai poucas boas novas que nos enchan de ánimo. Temos casos de pacientes que xa non teñen Covid e abandonan a planta, pero van a outra parte do hospital morrer polo empeoramento das súas patoloxías. O único positivo disto é que, polo menos, poden facelo acompañados dos seus familiares. 
Con respecto aos enfermos, a xornada é moi intensa. Nós agarrámonos a eles e eles agárranse a nós para poder seguir adiante. Os pacientes veñen con moito medo, a incerteza é total porque non saben como van evolucionando e se empeoran un pouco podemos ver o terror nos seus ollos. 
Nas familias a alegría é plena, poder realizar videochamadas xunto aos pacientes e comprobar como se senten ao ver os seus seres queridos emociona. Teño o caso de Ángel Menduiña, con 85 anos e que está a loitar como un campión para poder tornar coa súa familia, pero sobre todo co seu can Drogo. Sempre me di: “Cando volva, o meu compañeiriño vaime comer a bicos”.

Que é o mais duro que tivo que afrontar sendo enfermeira nesta pandemia?
O duro vese moitos días cando tes que baixar un paciente á UCI, porque normalmente está consciente. Cando o nivel de osixenación no sangue descende de forma alarmante, eles non o notan, só ven enfermeiras e doutores facendo probas e valorando o seu ingreso na UCI, que é un paso final, pois vai adiante e mellora, ou non vai. 

Segundo publica nas súas redes sociais as persoas “parece que non aprenden”.
Si, é moi frustrante ver como existe xente que non se decata da situación tan grave que estamos a vivir. Unha compañeira tivo que chamar a atención a unha señora, que andaba polos corredores do hospital coa máscara baixada, e a súa resposta foi “sodes unhas paranoicas”. Danme ganas de dar tickets para que fagan un tour pola planta Covid e para que vexan o mal que están os pacientes. Está claro que só aprenderán cando lles toque vivilo. Por sorte son poucos, pero eses poucos poden facer moito dano ao non cumprir as recomendacións sanitarias

A situación actual resulta peor en datos que a vivida en marzo. En que condicións lles fan fronte as sanitarias e sanitarios que levan 10 meses traballando arreo contra o virus? 
Estamos esgotadas. Ao igual que un mariñeiro e un camioneiro teñen un traballo moi duro, nós tamén, pero no noso caso esta situación é triste día tras día, porque ves que entra un paciente e marcha, moitos casos que non se recuperan ou que o pasan e, como dicía antes, van a outra planta. Pero coa vacina e o bo tempo queremos ser optimistas, seguir coidando da xente e pensar que esta pode ser a última vaga "gorda". De non ter esta vocación, por moito que poida haber persoas que digan “para iso lles pagan”, non seguiríamos adiante. 

Que lle diría a quen non respectan as restricións nin as recomendacións sanitarias para conciencialas dos seus actos?
Que non son conscientes do duro que é estar enfermo da Covid nin das consecuencias que pode chegar a ter. Poño o exemplo de María Luísa Queiruga, que é unha paciente miña de 54 anos que foi operada de dobre cancro mamario, de útero e de estómago, e ela mesma me dixo onte: "Nunca o pasei tan mal como coa Covid".