A industria pasteira de Portugal incrementou en 170% as súas plantacións de eucalipto na Galiza

Instalacións da pasteira lusa Navigator.
A industria pasteira portuguesa ten na Galiza unha das súas fornecedoras de eucalipto para fabricar pasta de papel. Unha materia prima que a industria portuguesa xa non só obtén mediante operacións de compra, pois foi arrendando terreos na Galiza onde cultiva esta especie. O destino é algún dos centros de produción ao sur do Miño, como Figueira da Foz e Setúbal. En só tres anos, esa superficie aumentou en 170%.

A entrada en vigor en febreiro de 2018 da norma que impide a plantación de eucaliptos en Portugal até 2030 levou as empresas pasteiras lusas a buscar novos territorios. Xa coñecían a Galiza, onde levaban tempo mercando eucalipto —compras que chegaron a atinxir hai ai redor dunha década os 1,5 millóns de toneladas anuais—, mais foi desde o exercicio 2018 cando optaron por ir avaliando ter unha presenza máis activa ao norte do río Miño.

A principal pasteira portuguesa, The Navigator Company, antiga Portucel, publicou a semana pasada o seu relatorio e as contas correspondentes a 2022, ás que tivo acceso Nós Diario. Un informe no que se recolle a aposta pola Galiza como unha das subministradoras de materia prima para as súas factorías, o que se plasma tanto no aumento de plantacións como do terreo que xestiona en territorio galego.

Ao fechamento do exercicio de 2022, a industria pasteira de Portugal xestionaba na Galiza un total de 955 hectáreas (ha). O equivalente a máis de mil campos de fútbol. Esta cifra é netamente superior ao terreo que este sector tiña na Galiza en 2021 (601 ha) e moi superior ao que xestionaba no ano 2020: 356 hectáreas. Neste intervalo de tres anos, a superficie de eucalipto que The Navigator ten en territorio galego aumentou en 170%.

Unidades de xestión

Ese incremento tamén se recolle no aumento na Galiza do que desde esta empresa denominan 'Unidades de Gestão', esas superficies arrendadas, e que son 42 —10 máis que en 2021— ao longo do país.

O relatorio de Navigator informa o accionariado da empresa  de que "na Galiza, à semelhança do que existe em Portugal, a Companhia dispõe de uma cadeia de abastecimento completa e integrada, com compra de madeira, arrendamento e compra de terras, alicerçada num sistema com três parques logísticos (dois marítimo-ferroviários) que permitem a expedição para Portugal, sobretudo por via ferroviária e marítima, esta última a partir dos portos da Corunha e Ferrol".

É dicir, na Galiza posúe tres parques loxísticos: na Coruña, en Ferrol e na Susana-Santiago. Son puntos onde se entrega o eucalipto recollido nas 42 unidades de xestión que Navigator posúe por diferentes comarcas galegas. Desde esas plataformas envía a madeira ás factorías que a pasteira ten en Portugal.

Portugal continental, a Galiza e Mozambique

The Navigator opera na Galiza a través das súas filiais Navigator España S.A, Bosques do Atlántico S.L e Navigator Tissue Iberica S.A. 

Esta pasteira xestionou no ano 2022, no Portugal continental, perto de 106.000 hectáreas, sendo 55% patrimonio propio e o restante proveniente de arrendamentos noutras zonas. Deste total de hectáreas, 73% son de eucalipto. A esta área en Portugal, a compañía agrega 955 hectáreas na Galiza e 14.000 hectáreas en Mozambique.

Unha moratoria para esta especie na Galiza sen consecuencias 

En xullo de 2021 entraba en vigor o veto na Galiza a novas plantacións de eucalipto, unha medida que, en principio, se prevé que estea vixente até 31 de decembro de 2025. Mais este veto non impide que a industria pasteira portuguesa fose aumentando nestes anos a superficie de eucalipto que xestiona na Galiza. Algo que pode facer, posto que esta moratoria non afectará os eucaliptais existentes nin a aquelas parcelas catastrais nas que esta especie é a dominante. 

Os seus propietarios poderán continuar plantando eucaliptos nestes terreos e as persoas físicas ou xurídicas interesadas poden, por exemplo, arrendalos.

A moratoria a novas plantacións de eucalipto foi incluída na Lei de Recuperación de Terras e xa no seu día colectivos ecoloxistas, de protección do territorio ou veciñais, así como comunidades de montes, alertaron de que a norma chegaba tarde ou que mesmo ía derivar nun aumento das plantacións ilegais. 

Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denunciaban en outubro de 2021, apenas tres meses despois de entrar en vigor a moratoria, a "ocupación ilegal" con eucalipto, nese tempo, dunha superficie equivalente a 200 campos de fútbol. Neses mesmos meses, a asociación ecoloxista presentou 100 denuncias por plantacións ilegais desa especie.