Álvaro Prieto, de familia luguesa, faleceu electrocutado coa catenaria, segundo os primeiros indicios

Lugar no que se atopou o corpo de Álvaro Prieto. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)
O mozo, futbolista do equipo xuvenil do Córdoba CF, desaparecera o pasado 12 de outubro e o seu cadáver foi achado esta segunda feira entre os vagóns dun tren nas proximidades da estación de Sevilla. A súa familia é orixinaria de Lugo.

O xove futbolista cordobés Álvaro Prieto, fillo dun matrimonio natural de Lugo e cuxo cadáver foi achado esta segunda feira na estación de tren de Santa Justa (Sevilla), onde desaparecera o pasado 12 de outubro, faleceu electrocutado ao tocar a catenaria, segundo revelan os estudos preliminares realizados polas autoridades.

Prieto, de 18 anos, era fillo dun matrimonio de orixe luguesa que levaba anos afincado en Córdoba, cidade á que o mozo trataba de regresar desde a estación sevillana o día da súa desaparición. 'Transportes Lamela', unha empresa con sede en Lugo especializada no transporte de mercadorías por estrada que aínda continúa activa foi fundada, de feito, polo avó do falecido.

O delegado do Goberno estatal en Andalucía, Pedro Fernández, explicou esta terza feira nunha entrevista concedida a Canal Sur Radio que o corpo do mozo puido ser localizado ao moverse o ferrocarril para deixar espazo nos talleres a outro convoi para unha revisión técnica.

O corpo apareceu entre dous vagóns, onde caería após recibir unha forte descarga eléctrica

Segundo as primeiras pescudas, Álvaro Prieto quedou aprisionado entre os dous vagóns tras caer desde o teito ao recibir unha fortísima descarga eléctrica e "era absolutamente imposíbel", en palabras do delegado do Goberno, ver o cadáver desde o chan. Os talleres de Santa Xusta foran revisados mediante drons, que tampouco tomaron imaxes que revelasen que o mozo estaba alí. Foi, de feito, un cámara de televisión o que gravou o movemento do tren e descubriu que había un cadáver, dando aviso a Renfe e a Policía.

No que atinxe ao ocorrido dentro da estación sevillana unha vez que o mozo falecido foi descuberto sen billete dentro do tren, o delegado do Goberno asegurou que "non quixo aceptar a axuda" que se lle ofreceu para que puidese cargar o móbil, que quedou sen batería. "Ofrecéuselle a oportunidade pero non accedeu. Non sabemos a razón nin o motivo", apostilou.

Desde que se coñeceu o falecemento de Prieto foron moitas as mostras de afecto e as condolencias que desde diferentes ámbitos e esferas fixeron chegar á familia do futbolista, como a do alcalde de Córdoba, José María Bellido; o presidente da Junta de Andalucía, Juanma Moreno; o propio delegado do Goberno na devandita comunidade, Pedro Fernández; o reitor da Universidade de Córdoba, na que cursaba os seus estudos, Manuel Torralbo; ou os dirixentes do clube no que militaba, o Córdoba CF.

Álvaro Prieto, cordobés con raizame luguesa.

A familia pide respecto e discreción

Álvaro Prieto será despedido nun funeral na intimidade por expreso desexo da súa familia, que pediu "o máximo respecto" aos seus desexos de "manter todo o proceso na intimidade da familia e amigos". Mentres, desde a Subdelegación do Goberno español en Andalucía, "por expreso desexo" da familia do falecido, solicitaron aos medios de comunicación "a máxima discreción e respecto ante os distintos momentos e situacións que terán lugar con motivo do seu falecemento", á vez que agradecen "a colaboración, sempre pensando no benestar da familia e no respecto ao seu desexo de máxima intimidade nestes duros momentos".

A este respecto, o Xulgado de Instrución número 11 de Sevilla, que leva a causa polo falecemento, recibiu o adianto da autopsia practicada ao cadáver no Instituto de Medicina Legal (IML) de Sevilla. Segundo o devandito documento, o mozo falecería por electrocución, tal e como avanzaron as autoridades con base nos primeiros indicios.