Sindicatos critican o "incumprimento" dunha licitación do Sergas para dar tratamentos a domicilio

Manifestación contra os recortes na sanidade decorrida en Compostela no mes de novembro. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A empresa Esteve Teijín estaría a levar a cabo "despedimentos disciplinarios", ademais de non cubrir o cadro de persoal mínimo que estabelece a licitación do Sergas.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CCOO) criticaron o "incumprimento dos pregos de contrato" entre Esteve Teijín e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), nunha licitación para desenvolver tratamentos a domicilio

Os sindicatos cifran esta "licitación multimillonaria" en 40 millóns de euros, destinados a aplicar 25.000 tratamentos respiratorios nos fogares das persoas usuarias, e consideran que a compañía está a incumprir sistematicamente o contrato de licitación "para reducir gastos e aumentar beneficios".

CIG e CCOO acusan a empresa licitada de ter un cadro de persoal contratado "inferior ao que marcan os pregos de contratación". Tamén denuncian os despedimentos de varios traballadores "por supostas razóns disciplinarias´", así como o feito de que Esteve Teijín non estaría a cubrir baixas nin a conceder permisos.

Outro dos puntos do contrato que estaría a incumprir a empresa é o número de vehículos para os tratamentos domiciliarios, "inferior ao acordado". Os sindicatos tamén denuncia que "se están a pautar tratamentos con un maior intervalo temporal dos prescritos polos servizos médicos".

Reunión Satse-Consellaría de Sanidade

Por outra banda, na quinta feira terá lugar unha reunión entre representantes do sindicato de enfermería Satse Galicia e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Pretenden trasladarlle á Xunta a "preocupante" situación que vive o persoal de enfermaría e de fisioterapia.

O sindicato detalla que as persoas traballadoras do sector conviven "cunhas ratios por paciente moi por debaixo da media europea, cunha atención primaria e hospitalaria desbordada, saturada e tensionada, ou coa precaridade dos dereitos laborais e económicos destes profesionais".

Nun comunicado, Satse Galicia  vencella a "prontitude" do conselleiro en dar resposta á solicutude de reunión do sindicato coa convocatoria de concentracións que ten previsto levar a cabo a partir do vindeiro 10 febreiro, tanto na Galiza como no resto do Estado español.