A falla de persoal aumenta o risco de contaxio nos centros de maiores

O incumprimento das rateos sitúa as residencias de Lugo no punto de mira

Ambulancia diante da residencia de DomusVi, en Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As residencias da comarca de Lugo téñense convertido na zona cero desta segunda vaga do coronavirus. A elevada mortalidade e a alta porcentaxe de contaxios dos centros de maiores do Incio e Outeiro do Rei deixan ao descuberto as costuras dun modelo con problemas estruturais.

A situación está lonxe de normalizarse nas residencias da Fundación San Rosendo no Incio e de DomusVi en Outeiro de Rei. Se no primeiro caso os contaxios comezan a diminuír após 20 falecementos nun estabelecemento de 113 prazas, no segundo a taxa de positivos atópase descontrolada, sumando 9 mortes e 20 usuarios internados no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). As fontes sanitarias consultadas por Nós Diario coinciden en sinalar que “o número de mortes sería moito maior se o gromo aparecese nun momento de máis presión hospitalaria, como abril ou maio, xa que provocaría que moitos dos contaxiados non fosen hospitalizados”.

A falla de persoal é unha das causas centrais da elevada mortalidade nas residencias privadas durante a pandemia. A este respecto, as asociacións de familiares de usuarios, agrupados na Federación REDE, consideran que “a falla de persoal foi un factor determinante na expansión da Covid dentro das residencias e no alto número de falecidos”. Nunha liña semellante, un irmán dun residente de Outeiro de Rei relata a Nós Diario que no centro “están moi xustos de persoal. Eu non teño máis que boas palabras para os traballadores, que fan máis do que poden, pero dúas ou tres persoas non poden atender andares con 50 residentes, como observei nas miñas visitas”.

A residencia de Albertia en Lugo

A residencia Outeiro de Rei non é unha excepción. O incumprimento das ratios de persoal fixadas na normativa é unha constante nas residencias luguesas, como indican diversas denuncias presentadas pola secretaria da federación de servizos da CIG de Lugo, Carmen Antas. Así, por exemplo, nun escrito presentado o 20 de agosto de 2020 diante da Consellaría de Política Social sinala que a residencia de Albertia “incumpre o decreto de regulación das condicións e requisitos específicos dos centros de atención a maiores, pois o persoal de atención directa é inferior ao que corresponde polo número de usuarios con leve ou grave dependencia”.

Albertia Servizos Sociosanitarios é titular dun centro de 191 prazas en Lugo. A chegada desta compañía á popularmente coñecida como residencia “Abeiro Gold” representou unha “redución no número da presenza das xerocultoras” e que “non se cubran as situacións de incapacidades e vacacións”. Así, a CIG no seu escrito de 20 agosto advirte que “desde hai meses os coidados e atencións aos usuarios préstanse en condicións moi deficientes, xa que a actual dirección, a pesar de incrementar o prezo do servizo, recortou de maneira moi importante os medios humanos”.

O centro de maiores de Guntín é outro dos que se atopa no punto de mira. Así, o 5 de febreiro de 2020, a CIG denunciaba diante de Consellaría de Política Social que “na citada empresa incúmprese o decreto de ratios, pois o persoal de atención directa aos residentes é inferior ao que corresponde en función dos residentes válidos e dependentes”. Carmen Antas segue agardando resposta dos servizos de Inspección de Política Social, moi criticados polas asociacións de familiares de usuarios das residencias, que advirten, de maneira reiterada, a súa conivencia cos operadores privados.

A Xunta da Galiza mira para outro lado

As denuncias polo incumprimentos das ratios de persoal nos centros residenciais privados son unha constante. O propio Consello de Contas, nun informe presentado en 2017 a partir das queixas formuladas nos anos anteriores diante do servizo de Inspección da Consellaría de Política Social, alerta de múltiples incumprimentos en diversos xeriátricos galegos. Porén, a administración galega non atendeu boa parte das reclamacións. As dúbidas sobre a actuación da Xunta da Galiza, a quen a lei recoñece a función de tutela dos centros de maiores, non deixan de aumentar desde o comezo da pandemia, véndose aumentadas as mesmas tras a negativa do PP a investigar no Parlamento galego o acontecido.