O incremento da ludopatía entre a mocidade chega á Administración

O presidente da Deputación preside o último pleno. (Foto: Torrecilla)

O pleno da Deputación da Coruña vén de aprobar unha iniciativa para demandar á Xunta a creación dun observatorio desta problemática. Ademais, solicita a redacción dunha Lei do Xogo para paliar as condutas dependentes decorridas, entre outras cuestións, pola proliferación dos negocios de apostas.

O pleno da Deputación coruñesa sacou adiante esta sexta feira unha moción para exixir á Xunta da Galiza que artelle un observatorio da ludopatía na mocidade, nun momento no que as cifras van en aumento como se pode comprobar por algunhas denuncias recollidas neste diario.

A iniciativa, impulsada polo Goberno da institución -formado polo PsdeG e BNG-, obtivo o apoio de todos os grupos que tamén consideran precisa a elaboración dunha Lei do Xogo da Galiza “no menor espazo de tempo posíbel”.

Segundo o texto, esta norma debería recoller “todas as accións necesarias para a prevención das condutas aditivas asociadas ao xogo e as apostas e que regule o acceso a este de mozos e mozas”.

Con esta mensaxe e aludindo ao problema e á necesidade dunha “ferramenta esencial para pórlle freo” á situación actual amosan unha preocupación real polas consecuencias derivadas dos novos negocios, tanto dixitais como a pé de rúa.

De feito, a Deputación prepara un programa “piloto de prevención en colaboración con Agalure, a entidade de referencia neste ámbito”.

A idea é chegar aos centros educativos para que estes se sumen e haxa unha acción conxunta para paliar o problema.

Por outra banda, as e os deputados tamén aprobaron de forma unánime unha moción contra o fechamento do centro de operacións da Coruña que prepara a eléctrica Naturgy.