Galiza Nova denuncia o negocio das casas de aposta e exixe fechalas

O nacionalismo declara a guerra ás casas de aposta na Galiza
O secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, na presentación da campaña contra as casas de apostas (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, na presentación da campaña contra as casas de apostas (Foto: Nós Diario)

A organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Galiza Nova, presentou esta sexta feira, 9 de outubro, na cidade de Vigo a súa nova campaña nacional coa que pide o fechamento das casas de apostas no país.

Desde a entidade xuvenil nacionalista criticaron a falta de ocio alternativo e a “publicidade obscena” das casas de apostas, facturas que empurran a mocidade das clases traballadoras a masificar estes locais. Por iso, segundo anunciaron, levarán ás institucións esta cuestión e proporán medidas para un ocio alternativo.

O Secretario Xeral de Galiza Nova e deputado no Parlamento galego, Paulo Ríos, acompañado de militantes e simpatizantes da organización xuvenil presentou o deseño da campaña coa que tamén se procura concienciar e dar a coñecer ao conxunto da mocidade “a lacra e a perda de poder adquisitivo que supón manter estas empresas no noso país, cebándose sobre todo na xente traballadora".

Paulo Ríos explicou que a sociedade galega leva ao longo dos últimos anos perdendo “millóns de euros neste modelo de negocio que a través dunha publicidade obscena e descarada pretende espoliar os recursos da clase traballadora”. Pola súa banda, María Alonso, integrante da dirección nacional de Galiza Nova, destacou que as estratexias empregadas polos empresarios e donos das grandes casas de apostas teñen o obxectivo de “banalizar e branquear” o negocio. “A través de futbolistas, cantantes e famosos fan que a mensaxe destes negocios incida e atraia máis a mocidade”, apuntou Alonso.

As casas de apostas, segundo sinalou a organización xuvenil, non seguen as restricións horarios impostas polas institucións coma “o casino de Vigo, que fecha ás catro da mañá”.

Comentarios