Incógnitas na reapertura das escolas infantís

Fabiola García, conselleira de Política Social en funcións, nunha escola infantil da Rede Galiña Azul, nunha imaxe de arquivo.
As escolas infantís de cero a tres anos abren de novo as portas ao alumnado despois de cinco meses e medio fechadas polo coronavirus. Os centros privados inician hoxe o curso á espera dos de titularidade pública, que non recibirán as crianzas até o día 4. A súa reapertura atende as necesidades de conciliación das familias mais tamén o regreso a unha realidade educativa que os sindicatos piden desenvolver nas aulas con todos os recursos e garantías de seguridade.

O pasado 17 de agosto a Xunta da Galiza deu luz verde á reapertura das escolas infantís, fechadas desde o 13 de marzo polo coronavirus. A resolución da Consellaría de Política Social, asinada o 4 de agosto e publicada no Diario Oficial da Galiza dúas semanas máis tarde, concretou "a reapertura dos servizos e centros de atención á infancia como escolas infantís de 0 a 3 anos, puntos de atención á infancia, casas niño, espazos infantís e ludotecas a partir do 1 de setembro de 2020". Unha autorización dirixida fundamentalmente ás escolas infantís privadas ou titularidade doutras administracións xa que os centros tutelados pola Xunta non abrirán as súas portas ao alumnado até o 4 de setembro, tal e como lles avanzara aos sindicatos a propia Administración a mediados de xuño, unha vez finalizado o proceso de matrícula para o novo curso. 

As familias, sen alternativas públicas para a súa conciliación desde a clausura dos centros de educación infantil.

O prazo para as solicitudes de matrícula nas escolas infantís de titularidade pública e concertadas completouse na segunda quincena de maio, poucos días antes de que o Goberno galego anunciase que os centros de cero a tres anos non ían "retomar a súa actividade até o curso que vén" amparándose tanto nas dúbidas expresadas por profesionais da pediatría e representantes das escolas públicas e privadas como na imposibilidade de garantir "a distancia física necesaria" para impedir a posíbel transmisión do coronavirus en caso de se detectar algún positivo.

Caída das matrículas

Así, cinco meses e medio despois do seu fechamento, por mor da pandemia de Covid-19, as escolas infantís volven abrir as súas portas ás crianzas para atender, ademais, unha demanda urxente das familias, sen alternativas públicas para a súa conciliación desde a clausura dos centros de educación infantil.

Atendendo á autorización da Consellaría de Política Social, as escolas infantís privadas e as rexidas por outras Administracións, como a de Compostela, que abre hoxe as súas portas, son as encargadas de liderar o inicio do curso escolar, un proceso que comeza cun descenso de perto de 30% nas matrículas e que está suxeito ás "medidas, indicacións e recomendacións recollidas no Plan de reactivación no ámbito infanto-xuvenil publicado pola propia Administración.

"Levamos traballando con este protocolo desde o mes de xullo, polo que chegamos cos materiais e os espazos preparados", asegura a Nós Diario Beatriz Iglesias, presidenta da Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei), quen salienta que boa parte das recomendacións expresadas no plan da Consellaría son rutinas habituais nas escolas infantís, plenamente integradas na dinámica das aulas, das educadoras e do persoal de apoio.

"O lavado de mans mais a desinfección dos xoguetes e dos espazos compartidos son naturais no noso sector. Agora vémonos na obriga de retirar algúns enredos, como os bonecos de trapo, e de transformar recunchos como os destinados á lectura, onde predominaban os coxíns", pero o cambio máis significativo, engade Iglesias, é o que afecta ás entradas. "As escolas infantís, polo xeral, somos centros abertos. As familias estaban afeitas a entrar, a chegar á aula, a relacionarse co profesorado, un trato que muda desde hoxe. A entrada será gradual, haberá que respectar os horarios e tamén o cumprimento de novas normas que obrigan as crianzas, por exemplo, a ter un calzado específico para o centro".

Aulas burbulla

Con todo, o acceso ás aulas estará vixiado en primeira instancia polas familias. Serán as encargadas de tomarlles a temperatura aos seus fillos e fillas antes de saír da casa. "Ningunha crianza que supere os 37º, que teña tose ou calquera outro síntoma respiratorio poderá asistir á escola. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 1, nos quiosques ou na nube]