Análise

Incidencia da perda de poboación no mercado de traballo en Lugo e Ourense

En Lugo e Ourense o número de persoas con máis de 85 anos multiplica por 2,5 a de menores de cinco anos. (Foto: Nós Diario)
A economista Natividad López Gromaz prosegue co ciclo de análises.

O drama poboacional que sofre Galiza desde hai décadas non é un segredo para ninguén. É un grave problema enquistado desde hai tempo que ameza o noso futuro como país, nomeadamente o das provincias de Lugo e Ourense, onde este problema se ceba con especial intensidade.
A perda e o envellecemento de poboación vén sendo a tónica habitual en Galiza desde hai anos, xa que ao crecemento vexetativo negativo –é dicir, que morren máis persoas das que nacen– súmase a emigración dunha parte importante da mocidade, que ante a imposibilidade de atopar un emprego aquí, optou por buscar unha vida laboral fóra das nosas fronteiras. 

Se ben é certo que tamén aumentou considerablemente o número de persoas  inmigrantes neste século –de feito, agás nos anos 2013-2015, ambos incluídos, o saldo migratorio foi positivo– non foi capaz de compensar a perda do saldo vexetativo, polo que a redución de poboación foi unha constante. 

Desde o ano 2000, e segundo o padrón municipal de habitantes, a poboación residente en Galiza reduciuse un 1,3%, pero cunha evolución moi distinta segundo a provincia de que se trate. Mentres nas provincias atlánticas aumentou lixeiramente a poboación (na da Coruña un 1,1% e en Pontevedra un 3,5%), Lugo e Ourense perderon o 10,8% e 11,6% dos seus habitantes respectivamente.

O problema agrávase se baixamos ao detalle dos grupos etarios. Estas cifras distorsiónanse ata límites insospeitados, xa que tan só se perde poboación entre as persoas máis novas e, pola contra, medra a poboación con máis anos, o que implica un incremento do envellecemento da poboación. Outra vez as provincias de Ourense e Lugo son as máis afectadas.

Este "cóctel explosivo" está deixando un panorama demográfico demoledor.

Evolución da poboación

Se de media en Galiza, no que vai de século, se reduciu a poboación dos menores de 20 anos un 17%, nas dúas provincias máis interiores o descenso foi de arredor do 27%. De feito, tanto nas provincias de Lugo como de Ourense, o número de persoas con máis de 85 anos, multiplica por 2,5 a de menores de 5 anos.

Van moitos anos desde que este problema se detectou e denunciou desde distintos ámbitos, sen que por parte das administracións se tomara ningún tipo de medida para intentar frealo. Se cadra non conviña xa que, sen dúbida, é o mellor método existente para mellorar as taxas de paro. Descende a poboación, descende a poboación nova, polo tanto en idade de traballar, e así cada vez o número de persoas paradas é menor. Os indicadores do mercado de traballo melloran, de forma pasiva, pero melloran. Os terribles efectos desta dinámica perversa vanse sentir a medio prazo, pero xa non teñen custo electoral.

Nas provincias de Lugo e Ourense son moi palpables. De feito é nestes dous territorios onde se centra a caída da poboación activa.

Poboación activa

De forma global, a poboación activa  medrou un 3,33% en Galiza desde o ano 2000, pero non en Lugo nin en Ourense, onde descendeu un 7,9% e un 12,2% respectivamente. Novamente ao problema de perda de poboación activa engádeselle o avellentamento da mesma nestas dúas provincias. 

Só temos datos desagregados por idades a partir do ano 2009, pero xa neste período máis curto, nos dous territorios, descendeu o peso da poboación activa das persoas menores de 45 anos en 10 puntos porcentuais. Isto, a medio prazo, vai supor unha nova caída exponencial das persoas en idade de laboral.

O descenso da poboación activa implica que hai menos poboación en idade de traballar e disposta a facelo. De feito nas dúas provincias descende a poboación parada pero tamén a ocupada desde o ano 2000. Quer isto dicir, que o descenso do paro non se debe a que as persoas atoparan traballo, senón a que hai menos persoas. Así, as taxas de paro en ambas as dúas provincias son inferiores a taxa media galega.