A incidencia da Covid-19 multiplícase por 15 e aumenta a presión asistencial

A suba de novos positivos suma presión asistencial (Europa Press).
O incremento da incidencia do coronavirus durante o mes de agosto elevou as demandas hospitalarias sen chegar a alcanzar as cotas de ocupación do inicio da pandemia. Con todo, persoal de enfermaría advirte dunha presión asistencial en ascenso agravada pola falta de persoal suficiente.

A incidencia do coronavirus na Galiza durante o pasado mes de agosto elevou o número de casos activos de Covid-19 a cotas rexistradas durante a primeira onda de contaxios, que motivou a declaración do estado de alarma e o confinamento da poboación.

Segundo datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, agosto comezou con 308 casos activos e 14 pacientes hospitalizados, un deles na Unidade de Coidados Intensivos (UCI). As cifras facilitadas pola Administración galega relativas ao día 31 informan de 3.640 caos activos e 141 doentes ingresados, 17, na UCI. O número de infeccións activas multiplicouse por máis de 10 en todo o territorio, pero creceu, sobre todo, nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago, Ourense e Lugo.

Incidencia acumulada

Os últimos datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade, correspondentes ao derradeiro día de agosto, estabelecen unha incidencia acumulada de novos casos detectados por cada 100.000 habitantes de 123,17 nos últimos 14 días, fronte aos 8,15 novos diagnósticos de finais de xullo; unha suba que empeora os datos da Galiza por detrás da Comunitat Valenciana, Extremadura, Andalucía e Asturias, con incidencias máis baixas.

A expansión do coronavirus vai en aumento, cun avance que durante algunhas xornadas superou a barreira dos 300 novos positivos detectados que afecta, de novo, ás persoas usuarias dos centros da terceira idade.

Agosto comezou sen ningunha usuaria infectada polo coronavirus nas residencias de maiores. O día 1, Sanidade informou só de dous casos activos entre o colectivo de traballadores e traballadores. A 31 de agosto, as cifras facilitadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública informaban 138 persoas residentes contaxiadas e coa enfermidade activa ademais de 53 profesionais.

Con todo, este período no que o número de novos contaxios detectados achegan Galiza ás cifras acadadas durante os meses de marzo e abril, tamén confirman tres derivas que marcan esta nova xeira de Covid-19. O incremento das probas PCR que se realizan a diario en todas as áreas sanitarias e mudanza no perfil das persoas afectadas pola enfermidade, máis novas e sen complicacións previas, fixo variar á baixa os niveis de ocupación hospitalaria.

Presión asistencial

Os datos do Ministerio de Sanidade sinalan que a 31 de agosto, na Galiza, precisaron hospitalización 3.274 persoas desde a chegada do coronavirus, 129 nos últimos sete días. Ademais, 364 casos ingresaron en Unidades de Coidados Intensivas desde o inicio da pandemia, 11, ao longo da última semana.

Os números non reflicten aínda unha presión asistencial que comenza a preocupar ao persoal sanitario. O sistema chega a esta segunda vaga de contaxios, máis prematura do que apuntaban algunhas voces expertas, mellor preparado, cun coñecemento máis profundo do virus e do seu proceso, pero chega tamén cun déficit de persoal que complica a resposta dos diferentes servizos hospitalarios especializados.

O colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita denuncia unha presión asistencial crecente que tamén observan desde as organizacións sindicais. "En Ourense, a planta sexta sur destinada a casos posíbeis de coronavirus mais casos confirmados de Covid-19 está completa. Cuartos que eran individuais estanse convertendo en dobres e xa comezaron a habilitar algunhas dependencias na área de Medicina Interna para casos  sospeitosos", explican en declaracións a Nós Diario.

Sen persoal de relevo

Enfermeiras Eventuais en Loita advirten dun incremento da demanda que pode chegar a comprometer a capacidade do hospital de Ourense nun contexto de carencia de persoal. "Tanto na planta Covid como en Urxencias e Quirófano hai déficit de persoal, unha eiva que a xerencia resolve dobrando as quendas do persoal fixo, interino e eventual, extenuado mentalmente polo exceso de horas e de traballo", afirman.

O colectivo profesional, que reivindica unha xestión transparente e de calidade dos contratos do Sergas capaz de porlle fin á precariedade na que levan anos instaladas, asegura que as listas de contratación oficiais do Servizo Galego de Saúde están esgotadas. "Hai moita xente que optou por darse de baixa farta dunhas condicións de traballo ás veces insoportábeis. Mais ninguén se pregunta por que hai tantas profesionais fóra do circuíto de chamamentos. En Ourense hai 1.011 enfermeiras nesa listaxe, xa finalizada. "Agora están chamando xente dunha lista paralela da que nada se sabe", censuran.

Moitas enfermeiras, poucas traballando

O incremento da presión asistencial que o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita comeza a observar na área sanitaria de Ourense replícase noutras zonas e hospitais da Galiza. En Lugo, Burela e Cee tamén denuncian falta de persoal e dificultades para cubrir gardar ou substituír ausencias. En Santiago, persoal e sindicatos sinalan "un aumento notábel da presión para os equipos encargados de realizar e comunicar PCR" e unha carencia reiterada de profesionais especializadas "sobre todo para as unidades de críticos". Desde a CIG comarcal de Ourense aseguran que "50% do persoal de enfermaría eventual do Sergas está en suspensión de chamamentos. Temos moitas enfermeiras pero nunca tan poucas traballando, e malia todo, a capacidade de xestión e anticipación segue sendo nula por parte da Administración".