A incidencia da COVID-19 en Ourense duplica a do resto de áreas sanitarias

Residencia A Nosa Señora da Esperanza, xestionada en Ourense pola Fundación San Rosendo (Imaxe: CRTVG)
Máis dun terzo dos casos da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras está vinculado a residencias de maiores.

Cada día, o boletín emitido pola Consellaría de Sanidade dá conta do número de persoas contaxiadas, altas hospitalarias ou falecementos relacionados coa COVID-19. O paulatino descenso na expansión da enfermidade, cunha menor porcentaxe de novos casos e a redución de ingresos nas Unidades de Coidados Intensivos, semella confirmar que o "pico", como sinalou o ministro de Sanidade Salvador Illa, ficou atrás.

Non obstante, as áreas sanitarias non rexistran unha evolución similar da epidemia. Examinando os datos dos contaxios por cada área, tal e como os desglosa o propio Sergas, e o número de persoas as que atende cada unha destaca o feito de que a incidencia da enfermidade na de Ourense, Verín e Valdeorras practicamente duplica a das restantes.

Na área de Ourense rexistráronse 390 casos por cada 100.000 habitantes

Esta área atende, segundo os datos da última memoria do Sergas de 2018, a 304.791 persoas, das que 1.187 deron positivo por coronavirus. Isto é, 390 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 230 da área da Coruña e Cee; os 225 da área de Vigo e o Salnés ou os 189 da de Ferrol. Na área sanitaria de Lugo, que atende un total usuarias similar á de Ourense, 318.467, a incidencia é de 185 casos por cada 100.000 persoas.

As residencias no foco

De todas as áreas sanitarias galegas, a de Ourense, Verín e Valdeorras atende á poboación máis envellecida. Nela, as maiores de 65 anos supoñen máis dun terzo das usuarias. Tamén, o abano de idade máis fráxil ante un contaxio pola COVID-19.

Así mesmo, a área concentra a maior parte das residencias de maiores da Galiza, un total de 101 das que 85 son de titularidade privada e máis dun terzo dos positivos en centros maiores de todo o país: 433 en total.  

Os contaxios en residencias de maiores tamén suman máis dun terzo dos totais na área de Ourense, Verín e Valdeorras: 36,48%; 311 entre usuarias e 122 entre persoal.

Os contaxios en residencias suman máis dun terzo dos totais na área

Desde o inicio da epidemia, a Consellaría de Política Social confirmou 24 falecementos nestes centros, aos que habería que agregar as mortes que tiveron lugar en centros hospitalarios mais das que Sanidade non ofrece detalle. En total, na área faleceron 57 persoas segundo a Consellaría.

Actualmente, o maior foco de contaxios sitúase na cidade das Burgas, na residencia A Nosa Señora da Esperanza, xestionado pola Fundación San Rosendo, que onte sumaba 101 positivos entre as residentes e 35 entre as traballadoras. Porén, foi o centro A Nosa Señora de Fátima, do que é titular unha fundación do mesmo nome en Valdeorras, o que a Xunta decidiu intervir. Unha medida denunciada pola CIG ante Inspección de Traballo na xornada de onte.

Na denuncia, a central sindical detalla a falta de formación en prevención ou a carencia de áreas delimitadas para albergar a persoas contaxiadas e outras para as sas. O sindicato apunta a que a dirección do centro  "é a mesma da empresa privada e a responsábel do centenar de contaxiados que motivou a suposta intervención". A CIG xa presentara outra denuncia o 25 de marzo polo "caos organizativo" na xestión da epidemia na rede residencial.