Social

A federación de usuarios de residencias pide a dimisión da delegada da Xunta en Vigo

Corina Porro nunha fotografía criticada por propagandística (Xunta).
A Federación de Usuarios e Familiares das Residencias (REDE) solicita a dimisión "inmediata" de Corina Porro pola súa actuación nesta crise e insta o Goberno galego a explicar os casos de COVID-19 detectados no centro de Nigrán. 

A Federación de Usuarios e Familiares das Residencias (REDE) asegura que os dous casos positivos en COVID-19 detectados na residencia habilitada pola Xunta en Panxón, Nigrán, para maiores supostamente libres do coronavirus demostran o "esperpéntico" desta medida adoptada polo Goberno galego que pasa por mover aos usuarios das residencias máis afectadas nesta crise a outros centros improvisados. Así, reclaman a dimisión da delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, pola súa actuación nesta crise.

Desde REDE afirman que xa preveran que houbera casos de COVID-19 tamén neste centro "á vista da perigosa montaña rusa na que se situou a Administración galega desde que anunciou a creación eufemística das 'residencias integradas' de Baños de Molgas e Porta do Camiño. Tanto Sanidade, coas súas ideas peregrinas, como Política Social, cos seus dislates, favoreceron claramente os intereses da patronal dos servizos xeriátricos, tamén responsábeis directos da traxedia que vive Galiza". 

Salientan que a esta "situación extravagante" se une "a manipulación propagandística que a delegación da Xunta en Vigo levou a cabo nos primeiros días dos famosos traslados de anciáns desde O Barreiro e Aldán até un deficiente albergue xuvenil, ao que a Xunta chama pomposamente 'residencia integrada". 

Neste sentido, destacan a "presenza patética" de Corina Porro, que acudiu "rodeada de cámaras de televisión" a recibir ás primeiras persoas trasladadas ao centro de Panxón. Unhas persoas que desde REDE aseguran que estaban "desorientadas", eran "vulnerábeis" e ás que "practicamente se lles secuestrou a súa vontade".

Por estes motivos, todas asociacións de familiares que integran a federación REDE solicitaron esta terza feira que Corina Porro "non volva achegarse aos nosos familiares". "Son os nosos seres queridos, non propiedade privada da Administración e da propaganda política máis bizarra", aseveran.

"Rogamos encarecidamente á señora Porro que presente a súa dimisión, a poder ser inmediatamente. E á autoridade sanitaria solicitámoslle que explique á sociedade galega, con transparencia, que están a facer nas residencias denominadas integradas", explicitan nun comunicado.

Asemade, instan o Goberno galego a explicar con detalle os dous casos positivos no centro de Panxón, indicar que elementos de protección está a utilizar o persoal, con que infraestruturas de apoio ao residente dependente conta este albergue xuvenil reconvertido en residencia integrada. 

Tamén quere coñecer cal é o "calendario ou planificación de comunicacións e información de familiares", aos que cualifican de "vítimas maiores" nesta situación, pois sinalan que non puideron ver aos seus seres queridos "desde hai máis dun mes" e critican que só o fixeron "nas pantallas da televisión amiga á beira de Corina Porro".