Os incendios na Paradanta obrigan a cortar vías de comunicación ao seu paso pola Caniza

Brigadistas atallando o lume que afecta á Cañiza (Foto: Alberto Sxenick)
Esta mañá foi cortada a A-52, mentres que agora está fechada a N-120, ademais, o fogo que ameaza un núcleo de vivendas en Arbo xa arrasou máis de 300 hectáreas.

Na madrugada deste domingo activouse un novo incendio na comarca da Paradanta, onde un incendio en Arbo ameaza as casas e leva xa queimadas máis de 300 hectáreas. 

O novo fogo prendeu no concello da Caniza, concretamente na parroquia de Oroso, onde tamén se declarou a Situación 2, como medida preventiva pola proximidade das chamas a un polígono industrial, que obrigraron a cortar a estrada A-52 ao seu paso polo municipio.

Ao redor das 12 horas reabriu ao tráfico a estrada A-52 ao seu paso pola Caniza, cortada na mañá deste domingo pola proximidade do incendio que se declarou no municipio, na parroquia de Oroso. Con todo, é agora a estrada N-120, segundo informa o 112, a que está cerrada á circulación no punto quilométrico 612.

Así o recolle o último boletín informativo da Consellaría de Medio Rural, con datos estimados até as 8 horas, que indica que o indencio se iniciou ao redor das 1 horas e leva calcinadas, polo momento, 15 hectáreas. Para a súa extinción, explica a Consellaría, mobilizáronse un técnico, dous axentes, cinco brigadas, tres motobombas e dúas pas.

O incendio de Arbo, na parroquia de Mourentán, tamén na Paradanta, xa queima 300 hectáreas e segue a ameazar as vivendas, segundo a última estimación provisional de Medio Rural.

Tal e como explicaba este sábado o alcalde do municipio, estaban a aparecer focos en distintos puntos "seguramente polo efecto do vento", razón que pode estar detrás da aparición de novos incendios na comarca.

Así, a noite do sábado, ao redor das 23.15 horas do sábado, tamén se declaraba outro en Ponteareas, na parroquia de Padróns, na comarca veciña do Condado. Segundo informou Medio Rural, foi estabilizado este domingo con 20 hectáreas calcinadas.

Extinguido o de Oímbra, na comarca de Verín

Pola súa parte, o incendio que afectaba o municipio de Oímbra, parroquia homónima, na comarca de Verín, foi extinguido ás 20.38 horas desta tarde de sábado. A superficie arrasada foi de 26,93 hectáreas. O incendio iniciouse ás 23 horas da sexta feira.

O outro fogo declarado nas últimas horas é o que afecta a Castrelo de Miño, parroquia de Barral, na comarca do Ribeiro, controlado desde a mañá do sábado e que queima unhas 200 hectáreas.