Os incendios non dan tregua e azoutan agora o interior do país

[Imaxe @BRIFLAZA]

En Pobra de Trives, onde as lapas queimaron unha vivenda e houbo que evacuar 2 operarios, decretouse o nivel 2, xa desactivado. En Cualedro arderon máis de 420 hectáreas nun concello que en 2015 ficou arrasado pola vaga de lumes. Hai tamén lumes en Cervantes e Melón.

A vaga de incendios continúa a se estender en Galiza e eleva o número de hectáreas arrasadas desde comezos da semana pasada a máis de 7.000 e perto de 9.000 desde comezos de ano. Se na semana pasada a franxa da costa, nomeadamente o sur da Coruña e Pontevedra, foron as máis afectadas, esta fin de semana é o interior a área que está a ser especialmente golpeada polo lume.

Ä media tarde do domingo comezaba un lume no concello ourensán de Pobra de Trives, na parroquia de Navea, do que tiveron que ser evacuados dous brigadistas, un deles por inhalación de fume e outro por un golpe nunha xeonllo a causa dun accidente mentres conducía unha motobomba. Ambos foron trasladados ao hospital de O Barco de Valdeorras. As lapas calcinaron unha vivenda familiar en Seixo na que residía unha muller cos seus tres fillos.

Outro incendio en Ourense é en Cualedro, na parroquia de San Millao, que comezaba a primeira hora da tarde do domingo. Segundo as últimas estimacións están afectadas unhas 420 hectáreas. Na súa extinción tomaron parte 3 técnicos, 12 axentes, 35 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 5 avións. Cualedro foi un dos concellos que en 2015 ficou arrasado pola vaga de incendios e onde se orixinou o maior incendio de Galiza en 2015, no que se calcinaron máis de 3.000 hectáreas.

Dende as 23:20 horas do domingo está activo un lume no concello ourensán de Melón, na parroquia de Quins, que segundo as primeiras estimacións afecta unhas 50 hectáreas. Está activo tamén un incendio no concello de Cervantes, que afecta, segundo estimacións provisionais, unha superficie dunhas 30 hectáreas

Catro dos cinco operarios feridos leves en diferentes lumes na provincia de Ourense foron dados de alta e o quinto permanece en Observación.

A última hora do domingo, e segundo informa a Xunta, logrouse controlar os incendios de Vilardevós, que afectou 54 hectáreas, Porto do Son (que comezara a pasada cuarta feira calcinou máis de 1.000 hectáreas) ou o orixinado en Fecha, Compostela, tamén na cuarta feira e que afectou 825 hectáreas.

Incendiarios

En declaracións á Cadena Ser, a conselleira de Medio Rural incidiu no argumento defendido desde a Xunta durante esta vaga de incendios: os incendiarios como único motivo da vaga de lumes, marxinando calquera debate sobre xestión do monte, proxecto de territorio, abandono do rural ou falla de prevención no inverno e de coordinación nos operativos. Ethel Vázquez apoiou modificar o Código Penal para establecer maiores penas para as persoas condenadas por incendios.