Caos "total" e descoordinación, denuncian brigadistas

Incendio en Arbo [Imaxe @BrifLaza]

As equipas profesionais que loitan contra o lume aseguran que a acumulación de focos activos deixa en evidencia a falta de medios. 

Chegan desde Navia de Suarna ou a Terra Chá para apoiar os labores de extición dos incendios que permanecen activos en Cee, Soutomaior, Porto do Son, Crecente, Arbo, Avión, Vimianzo, Pontevedra, Caldas de Reis ou Cotobade e nos que arderon xa máis de 4 mil hectáreas segundo as estimacións da Xunta de Galiza. 

Son brigadistas dos servizos públicos de extinción como Héctor López, presidente aliás do comité de empresa de Seaga en Lugo e que asegura que a precariedade coa que traballan, principalmente polas carencias de medios e material, teñen lugar nas "brigadas dos concellos", apunta en declaracións recollidas por Europa Press.  

Comentáronme que está  a haber moita descoordinación e que están a facer quendas de moitas horas, di un brigadista de Navia

López asegura que o deslocamento de persoal procedente doutras comarcas cara ás de Pontevedra e A Coruña supón deixar "descuberto" outros puntos do país como Lugo.

"Comentáronme que está  a haber moita descoordinación e que están a facer quendas de moitas horas sen auga nen bocadillos", sinala Luís Montenegro procedente da Terra Chá. Pola súa banda, José Manuel López apunta unha descoordinación "total" e mesmo di que a situación lle lembra a vivida no verán de 2006 cando se produciu a maior vaga de incendios das últimas décadas. "Chegas e tes empresas de todo tipo, "Seaga, Tragsa, Natutecnia.... a UME (exército)... suponse que os que coordinan son os técnicos e os axentes mais é un desastre", di. Aliás, acrecenta, a maquinaria ten "20 anos e "non funciona como debería" e, ao tempo, a redución de persoal e a alta temporalidade laboral levou a que as equipas "en vez de sete sexan tres" brigadistas. 

Así as cousas, afirma, "co tempo que vai e como está o monte en Galiza, é o que toca", sentencia, mentres os que máis ollan o ceo agardando a chuvia.