O monte galego, "na UCI": 700.000 toneladas de terra vexetal están en risco de erosión

As lapas arrasan o monte comunal de Mandín, en Verín. (Foto: Nós Diario)
A perda de asentamentos florais deixa as colonias de abellas en risco de morte por fame.

A actual vaga de incendios puxo en alerta entidades ecoloxistas e agrarias ante as consecuencias que prevén e que xa están enriba da mesa após arderen máis de 30.000 hectáreas. Así, a asociación ecoloxista Arco Iris, sobre a base dos cálculos do persoal edafólogo —que estuda as propiedades do solo e a súa relación cos seres vivos—, advirte do risco de erosión de 768.000 toneladas de terra vexetal, "no mellor dos casos".

Concretamente, explica que os edafólogos cifran a perda media de chan após os incendios forestais en 24 toneladas por hectárea no primeiro ano e 4,8 toneladas por hectárea no segundo, por mor das choivas torrenciais. Nos casos máis graves, chegáronse a medir perdas de 50 toneladas por hectárea e ano.

Aliás, a entidade ecoloxista lembra que estes incendios alcanzaron altisimas temperaturas e puideron afectar "en profundidade" ao manto de chan. Os lumes, sinalan, "cebáronse" especialmente con zonas con fortes pendentes, o que "podería agravar aínda máis a cifra aproximada".

A esta situación cómpre engadir que as canles fluviais como o río Lor sufrirían procesos de colmatación —recheo dunha conca sedimentaria con materiais detríticos arrastrados e depositados pola auga— e eutrofización —proceso de contaminación máis importante das augas en lagos, balsas, ríos e encoros—, que "porían en serio risco a súa continuidade como ecosistemas".

Por iso, piden á Xunta "medidas drásticas de emerxencia" para "paliar no que se poida este tremendo desastre ambiental que se aveciña e que podería hipotecar para sempre moitas zonas forestais de grande interese", que se perderían "de forma irreversíbel".

Protocolo de actuación

Nesta liña, a asociación Amigos da Terra enviou un protocolo de actuación ante a situación actual, co obxectivo de "non aumentar o dano", de igual modo, ilustra, que "cunha persoa ferida hai que ter moito coidado ao movela". Por iso, o primeiro que apunta esta entidade que cómpre facer é "evitar retirar restos queimados", posto que esa maraña de esqueletos "retén toneladas de chan".

Outra das recomendacións nesta situación de "UCI" do monte é "evitar no posíbel pisar e circular por zonas queimadas, non espallar sementes sen garantías, pois podería favorecerse especies invasoras nas zonas queimadas —acacia, mimosa, herba da pampa, gramón, céspedes...—.

Ante calquera dúbida, pídese á cidadanía que consulte cales son as actuacións adecuadas. Entre elas, Amigos da Terra pide non labrar terreo, evitar a entrada de gando, esparcir palla —de cereais— lascas de madeira —sen vernices nin tratamentos— rozar zonas non afectadas, facer filtros vexetais ou pequenos diques perto das correntes de auga e franxas perpendiculares á pendente, todo iso co obxectivo de reter o chan e evitar as escorrentías que contaminarían os regachos, ríos e rías.

A asociación ecoloxista, que tamén aposta por instalar refuxios de fauna, caixas-niño e comedores de aves, advirte de que o problema "só poderá solucionarse usando instrumentos sociais", con educación ambiental e unha aposta por un "rural vivo, sustentábel e harmonicamente respectuoso coa natureza".

As abellas poderían morrer de fame

Ademais, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) alerta da situación de risco que existe tamén para as colonias de abellas. "O importante é ter alimento para as colonias que sobreviviron e axudas ás explotacións apícolas que non están afectadas directamente polo lume mais si os seus territorios florais", avisan.

Esta entidade explica que este alimento necesario pode conseguirse na procura de novos sitios e asentamentos con flora ou ben facilitando alimento directamente para o sustento desas colonias de abellas en perigo de morte por fame. Esta actuación levaría ao persoal apicultor a entrar xa nunha dinámica de outono para estas colmeas ameazadas de morte.

A asociación fai un chamamento a todo o sector apícola —apicultores, comerciantes e provedores— para que colabore, cada un dentro das súas posibilidades, na "solidariedade" para ofrecer asentamentos aptos ou mellor alimento a esas colmeas que están en perigo de morte, algo que "agravaría aínda máis as consecuencias" deses lumes .

AGA abriu na súa sede de Arzúa un espazo de recollida de alimento (líquido estimulante para ter unha masa crítica coa mirada posta en setembro e outono), co fin de poder facilitar esta axuda aos apicultores para que poidan manter vivas as súas colonias de abellas.