Os incendios forestais arrasaron máis de 2.100 hectáreas de monte na Mariña

O incendio de Trabada supera as 1.900 hectáreas afectadas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Só a choiva puido cos fogos na Mariña. Mentres a Consellaría de Medio Rural dá por extinguidos os lumes en Foz, considera controlados os de Trabada e Ribadeo.

A choiva dos tres últimos días levou a tranquilidade aos concellos de Trabada e Ribadeo. Neste incendio, que os responsábeis das Xunta da Galiza e das forzas seguridade do Estado consideran intencionado, arderon arredor de 1.900 hectáreas.

Os lumes en Trabada

Os fogos arrancaron a comezos da tarde da quinta feira nos lugares trabadenses de Barreiros, Pena Cova, Trabadela e Vidal. Porén, as altas temperaturas, o vento do sur e o monocultivo de eucalipto favoreceron a súa extensión a outros puntos do municipio.

O incendio de Trabada é o máis grande dos acontecidos na Galiza en 2023. Precisamente, este municipio foi considerado polo Goberno galego como un exemplo de xestión forestal e silvicultura do eucalipto.

Os lumes de Trabada non tardaron en saltar ao limítrofe concello de Ribadeo, onde as lapas obrigaron a cortar a autovía do Cantábrico. Nun concello e noutro, a proximidade dos fogos as vivendas provocaron desaloxos de ducias de veciños e veciñas.

Os fogos en Foz

Foz foi outro dos concellos mariñáns afectados pola vaga incendiaria. Neste municipio, rexistráronse tres focos diferentes que arrasaron unha superficie forestal de máis de 234,8 hectáreas.

O primeiro dos fogos  golpeou a parroquia de Santo Acisclo do Valadouro; o segundo, que puxo en risco a varias vivendas, desenvolveuse no lugar do Chao, no núcleo de Santa Cilia do Valadouro; e o terceiro queimou abondosa masa de monte plantado nos lugares de Teixeira e Fontao, pertencentes as parroquias focegas de Fazouro e Santa Cilia do Valadouro.

O monocultivo de eucalipto

O monocultivo de eucalipto nos bosques afectados polos lumes acelerou a expansión do fogo e dificultou a súa extinción. Concretamente, nestas áreas forestais non poden traballar as brigadas polo elevado risco que representan para as persoas.

Os responsábeis da Xunta da Galiza indicaron que nestas zonas só resultan efectivos os medios aéreos porén a súa actuación está limitada polos horarios e as condicións meteorolóxicas.