Risco extremo

Os incendios da fin de semana deixan máis de 150 hectáreas queimadas

[Imaxe: @bmarroxo] Así ficou a parroquia de Chandrexa afectada polo lume

Son máis de 150 as hectáreas queimadas nos incendios que tiveron lugar a pasada fin de semana na Galiza. A Xunta vén de suspender as queimas e os permisos anteriormente concedidos, mentres que a Axencia Estatal de Meteoroloxía advirte do "risco extremo" de incendios en zonas costeiras da Galiza polos fortes ventos e polas temperaturas en ascenso que se prevén para a terza feira, 26 de marzo.

É marzo mais o mapa de risco de incendios previsto pola Axencia Estatal de Meteoroloxía para a terza feira, día 26, podería corresponder a calquera mes de verán, pois rexistra alerta "extrema" ou "moi elevada" en zonas do litoral galego debido aos fortes ventos e ás temperaturas elevadas que se esperan na Galiza.

 

No que vai de ano, as hectáreas queimadas superaron as mil debido á ausencia de precipitacións e só a pasada fin de semana pasaron das 150. En Muras o lume, que se iniciou o domingo pasadas as 20.30 horas, afectou a unha superficie superior ás 75 ha. de monte raso. En Chandrexa de Queixa arderon 25 hectáreas nun incendio que comezou ás 12 horas do domingo. Tamén en Lobeira foron 25 as hectáreas queimadas nun lume que se iniciou o sábado pasadas as 23.45 horas.

 

Son datos da Consellaría do Medio Rural, que dá conta dos incendios que superan as 25 hectáreas. O departamento da Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

 

Queimas prohibidas

 

A Xunta de Galiza prohibiu desde esta segunda feira e até novo aviso as queimas de restos agrícolas e forestais debido ás condicións meteorolóxicas, que poderían dificultar o seu control. Tamén fican en suspenso os permisos xa concedidos.

 

A decisión adóptase tras avaliar a evolución do tempo e analizar os diferentes indicadores que inciden no risco de incendio en temporada de alto risco.

 

A prohibición afecta ás grelladas, co cal, non se poderán realizar fogueiras para a preparación de alimentos en zonas agrícolas, forestais e de influencia forestal, agás naquelas áreas habilitadas dentro de concellos que non se consideren zonas de alto risco.

 

[Na imaxe do interior, detalle do mapa da AEMET referido ao risco de incendios na Galiza para a terza feira 26 de marzo]