[VÍDEO] O incendio de Verín avanza sen control próximo ás vivendas após queimar 600 hectáreas en 18 horas

Avanza fóra de control o fogo de Verín. (Foto: Brigada de Laza @BrifLaza)
Foi orixinado nunha decena de focos, polo que todos os indicios apuntan a unha clara intencionalidade.

O incendio forestal declarado na tarde desta cuarta feira na parroquia verinesa de Ábedes avanza sen control e a un ritmo moi perigoso, con máis de 600 hectáreas calcinadas en menos de 24 horas.

Fica activada, segundo vén de informar a Consellaría do Medio Rural a través do parte publicado ás 8.30 horas desta quinta feira, a situación 2 de alerta por proximidade das chamas a vivendas, se ben afirma que "non existe perigo para núcleos habitados" e que esta medida é "preventiva".

O lume, apuntan desde Medio Rural, "evoluciona favorabelmente e os medios traballan na extinción dun flanco de moi difícil acceso. Na extinción traballan catro técnicos, once axentes, 23 brigadas, once motobombas, dúas palas, unha unidade técnica de apoio, nove avións e once helicópteros, así como efectivos da UME, a Garda Civil, Protección Civil e outros medios portugueses.

Aliás, producíronse desaloxos e cortes na A-52 e a N-525, ambas as dúas reabertas após dúas horas. Tamén se produciron danos materiais "de pouca entidade" na fábrica de Auga de Sousas no municipio.

O lume obrigou a cortar varios quilómetros de estrada. (Foto: Nós Diario)

Todo apunta á intencionalidade

Este fogo orixinouse en até dez focos diferentes, algo que a ollos tanto do conselleiro, José González, como do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, supón unha "clara intencionalidade".

Esta cuestión avanzouna esta cuarta feira en declaracións a Nós Diario o tenente de alcalde verinés, Diego Lourenzo: "A presenza de novos focos mostra indicios criminais".

"Non é así como adoitan actuar os incendiarios, pero tantos focos consecutivos mostran unha clara intencionalidade", engadiu Lourenzo, que detallou que así llo están a trasladar ás autoridades policiais.