O incendio de Verín puido ser provocado por artefactos lanzados desde un dron

Os fogos en Verín significáronse pola súa proximidade ás vivendas e núcleos de poboación. (Foto: Europa Press)
Arbo, Maceda, A Mezquita ou Verín son algúns dos concellos afectados polos incendios nestas xornadas, destacando polo seu alcance o da capital da comarca de Monterrei. Precisamente, os membros das forzas da seguridade consultadas por 'Nós Diario' apuntan ao seu carácter intencionado.

Os responsábeis das forzas de seguridade do Estado e dos equipos de extinción de fogos da Xunta da Galiza non teñen dúbida de que o incendio de Verín foi provocado. Neste sentido, sinalan a Nós Diario que o fogo apareceu en tres focos distintos pouco antes das 15 horas da terza feira, chegando a sumar a media tarde máis de 12 focos diferentes en diversos puntos do concello de Verín. Na mesma liña, destacan que as condicións climáticas non eran nun primeiro momento "as máis propicias para a propagación do lume, posto que non había vento, que é o elemento chave na expansión das chamas".

A opinión é partillada desde a Consellaría de Medio Rural e do Concello de Verín. Así, o máximo responsábel do departamento, José González, afirmou a "indiscutíbel intencionalidade dos lumes" e asegurou que "unha imaxe tomada desde un dos medios aéreos certificaba o inicio de varios focos de maneira simultánea, mentres os equipos de extinción protexían as parroquias de Sousas e Ábedes", dous dos núcleos do municipio máis afectados polos lumes. 

Concello de Verín

O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, comenta a Nós Diario que "até 12 focos foron prendidos nunha liña de dez a quince quilómetros de lonxitude". "O fogo empezou en Cabreiroá, e cando o estaban apagando os servizos de extinción xurdiu outro foco en Santo Antón, moi perto do casco urbano da vila e de moitas vivendas, o que demostra a súa intencionalidade", destaca o tenente de alcalde.

Os fogos "fixéronos para causar o maior dano posíbel", acrecenta Lourenzo, quen destaca que "o modelo e o operativo foron diferentes a outras ocasións". Desta vez, o lume non comezou no medio do monte, senón achegado aos núcleos de poboación e moi próximo ás casas, destaca Lourenzo, quen entende que "o máis importante é o cambio de modelo e como estaba organizado, porque cando os equipos estaban traballando nun fogo, comezaba a arder noutro punto".

As forzas de seguridade

As forzas de seguridade do Estado traballan en dúas hipóteses sobre o modus operandi dos incendiarios. Unha delas sinala que "os lumes foron causados polo método tradicional dunha ou varias persoas movéndose a pé ou nun vehículo de motor para prender os fogos". A outra, a que lle dan máis credibilidade membros da Garda Civil de Verín en declaracións a Nós Diario é que "os lumes foron provocados por artefactos incendiarios lanzados por vía área desde un dron, o que explicaría que os focos xurdisen nunha liña recta tan perfecta".

Os membros das brigadas consultados por Nós Diario non cuestionan o carácter intencionado dos lumes pero consideran que "podería mitigarse o seu impacto se a capacidade de resposta do operativo contra o lume fose máis rápido".

"Non pode ser que os avións contra os lumes da Xunta tarden unha hora en chegar da Limia a Verín, cómpre que os aparatos estean cargados de auga, unha operación que leva media hora, e que os motores estean quentes, outro proceso que leva media hora", afirman.

Os incendios da Mezquita, tamén, semellan intencionados. Así, en declaracións a Nós Diario, o alcalde do concello, o nacionalista Rafael Pérez, sinala que a primeira resposta aos fogos procedeu "da motobomba e das brigadas do concello e dos veciños voluntarios, uníndose ao tempo a nós os equipos de Medio Rural".

"A nosa crítica non é ao operativo de extinción da Xunta, que fixo o que puido dada a situación de Verín", continúa Pérez, quen reclama "unha mudanza de fondo na política forestal do Goberno galego".

O alcalde da Mezquita dá por feito que os fogos no seu concello foron provocados e reclama políticas de prevención con profesionais durante todo o ano. Nese sentido, explica que "A Mezquita é un dos poucos concellos que ten conformada a súa brigada municipal contra incendios, pero son necesarias brigadas profesionais de prevención durante todo o ano para pór en valor o territorio e rematar coa praga dos lumes".

As cifras do lume

Os incendios levan calcinadas nas últimas horas máis de 1.500 hectáreas. Á cabeza dos mesmo sitúase o de Verín, con máis de 600 hectáreas, o de Mourenta e A Barcala en Arbo, con 487 hectáreas, o da Mezquita con 150 hectáreas, o de Maceda coa mesma extensión e o de Calvos de Randín con 50 hectáreas.

A Xunta procedeu onte a solicitar ao Goberno do Estado declarar como zona gravemente afectada polas emerxencias, o que popularmente se coñece como zona catastrófica, os concellos do Barco de Valdeorras, Carballeda, Courel, O Incio, Oímbra, Pobra de Brollón, Quiroga, Rubiá, e Verín co fin de acelerar o reparto de axudas.