O incendio de Verín "evoluciona favorabelmente" e permite desactivar a alerta por proximidade ás casas

Monte afectado polo incendio de Verín. (Foto: Europa Press)
Os incendios que permanecen activos na Galiza arrasaron unhas 1.500 hectáreas.

A Consellaría de Medio Rural desactivou na tarde desta quinta feira a alerta por proximidade do incendio forestal de Verín a varios núcleos de poboación. Ademais, o lume, aínda que segue activo, "evoluciona favorabelmente".

É a principal novidade que recolle o parte da Xunta da Galiza, actualizado ás 20.15 horas, e no que a superficie arrasada polas lapas mantense estábel en 600 hectáreas, polo que continúa como o lume máis grande que segue sen controlar.

De acordo coa última actualización de Medio Rural, os medios traballan agora na extinción dun "punto de moi difícil acceso". O alcalde da localidade, Gerardo Seoane, xa adiantou a Europa Press a melloría da situación: "Está perimetrado; parece que o peor pasou".

Até o momento participaron nos operativos de extinción do lume efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), ademais de nove técnicos, 27 axentes, 59 brigadas, 27 motobombas, 12 avións e 11 helicópteros, entre outros medios.

Outros incendios activos

Hai outros tres incendios que permanecen activos. O de Arbo, na parroquia de Barcela, leva calcinadas unhas 70 hectáreas e mantén activada a situación 2 de alerta pola proximidade das lapas a diversas infraestruturas.

Trátase dun lume que, segundo indica a Xunta, entrou desde Portugal e tamén "evoluciona favorabelmente cara á súa estabilización, sen afectación a aldeas".

Nesta mesma situación atópase o lume forestal da parroquia do Pereiro, no concello da Mezquita, cunhas 150 hectáreas queimadas.

Mentres tanto, un incendio activo desde a tarde desta quinta feira en Boiro, concretamente na parroquia de Cures, arrasou até o momento máis de 20 hectáreas.

Maceda, Calvos de Randín e Arbo

Por outra parte, o incendio de Maceda, que afecta a parroquia de Castro de Escuadro, quedou estabilizado ás 17 horas, cun balance de 150 hectáreas arrasadas. "Iniciouse en tres focos diferentes e simultáneos", indica a Xunta.

Ademais, Medio Rural xa dá por controlado desde as 19.15 horas o lume en Calvos de Randín, cun balance de 50 hectáreas queimadas.

En canto ao incendio forestal con 400 hectáreas arrasadas en Arbo, continúa sen cambios ao estar estabilizado. Así mesmo.