O incendio de Valdeorras cruza o Sil e arrasa casas en Éntoma, no Barco

casas lume

O incendio rexistrado a pasada quinta feira en Carballeira de Valdeorras e que este domingo afectou O Barco continúa imparábel, até o punto de cruzar o Sil e queimar vivendas en Éntoma, parroquia situada ao leste deste último concello.

O incendio que se declarou a pasada quinta feira en Riodolas, Carballeda de Valdeorras, non ten trazas de parar. Após estenderse ao Barco de Valdeorras, continúa avanzando sen control debido ás condicións meteorolóxicas.

As lapas atravesaron o río Sil e chegaron á parroquia de Éntoma, no Barco, nas proximidades de núcleos de poboación, onde afectou vivendas como a da imaxe que ilustra esta información.

O lume alcanzou xa as 4.000 hectáreas e non semella que vaia ser controlado por mor do vento que dificulta as tarefas dos equipos de extinción.

O incendio de Carballeda é, xunto ao de Folgoso do Courel, o que máis hectáreas queimou este verán.

O alcalde do Barco, Alfredo García, advertiu en declaracións aos medios de comunicación esta segunda feira que a situación continúa a ser “moi complicada” e que o lume xa queimou unha ducia de casas.

Na mesma liña, expuxo que o contexto “desbordouse” e reclamou axuda e a presenza doutros medios.

A veciñanza, que continúa a contribuír ao labor dos medios de extinción, denuncia a escaseza de recursos e apunta que hai “tan só dous avións” contraincendios. Temen que as lapas se estendan á serra da Enciña da Lastra, un lugar dun valor paisaxístico incalculábel.