Un incendio no sanatorio La Robleda, no concello do Pino, obriga a trasladar 60 residentes

Sanatorio La Robleda. (Foto: Nós Diario)
Catro persoas tiveron que ser trasladadas ao Chus por inhalación de fume.

60 persoas internadas no sanatorio La Robleda, no concello do Pino, tiveron que ser desaloxadas despois de que se rexistrase un incendio nunha das habitacións a primeira hora da madrugada.

Outros dous residentes e dúas persoas traballadoras do centro sanitario tiveron que ser trasladadas ao Hospital Clínico de Santiago (CHUS) por senllos episodios de inhalación de fume, aínda que o seu estado non era de gravidade.

Precisamente, os dous internos que tiveron que ser derivados ao CHUS atopábanse nas habitacións anexas ao cuarto no que se orixinou o lume. Pola súa parte, o residente desta puido saír polo seu propio pé.

Até o sanatorio desprazáronse os bombeiros de Arzúa, que apagaron rapidamente o lume e procederon a ventilar o edificio, un labor que aínda desenvolven a esta hora.

Segundo incendio en dous meses

É a segunda vez que este complexo sanitario, especializado en pacientes psiquiátricos, sofre un incendio destas características. O anterior decorreu no pasado mes de agosto, cando outra habitación comezou a arder.

Segundo trasladaron os efectivos de emerxencias, as chamas afectaron só o cuarto no que se orixinaron, pero o fume ateigou a primeira e a segunda planta.

Os efectivos tamén sinalaron que os danos humanos terían sido moito peores se o fume tivese chegado á terceira planta, onde se atopan os pacientes con dependencia de mobilidade.