Os incendios de Ribas de Sil avanzan sen control e un ameaza núcleos habitados

Imaxe aérea do incendio de Ribas de Sil. (Foto: ATBrif)
Os dous lumes declarados xa calcinaron arredor de 500 hectáreas. Esta evolución fixo que afecte tamén ao concello veciño de Quiroga. A Xunta considera que as lapas son "claramente intencionadas".

Os dous lumes que avanzan sen control polo municipio de Ribas de Sil suman xa arredor de 500 hectáreas queimadas, segundo información da Consellaría de Medio Rural, que arredor das 19.30 horas afirmou que ambos son "claramente intencionados". Aliás, algunhas lapas están perto das casas.

Os medios de extinción na zona van en aumento dado que tamén se mobilizaron bombeiros forestais de Laza, que se sumaron ao operativo dada a virulencia do lume. Aliás, xa fora solicitada a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Desde a Xunta informaron de que o incendio iniciado na parroquia de Ribas de Sil esta segunda feira arredor das 12.47 horas obrigou a que se activase a situación 2 pola proximidade ás casas de Rairós. Tamén hai un foco nas inmediacións da estrada N-120 ao seu paso polo municipio. Neste caso o espazo afectado está sobre as 200 hectáreas.

Xa na noite deste domingo comunicouse un primeiro incendio no municipio de Ribas de Sil, na parroquia de Nogueira, que tamén segue sen controlar e queima unha superficie de 140 hectáreas.

Ademais, as lapas xa chegaron a afectar terras do municipio de Quiroga, limítrofe co máis castigado polo lume.

O conselleiro de Medio Rural, José González, que se trasladou á zona falou da "dificultade climatolóxica" polas altas temperaturas, o forte vento e un índice de humidade "moi alto. "O que prendeu e fixo este desaguisado sabía perfectamente o dano que estaba a facer", reflexionou.

Por outra banda, un lume atópase activo no municipio de Chandrexa de Queixa, na parroquia de Requeixo, que queima unhas 50 hectáreas. Igualmente, a Consellaría do Medio Rural indicou que hai un lume activo no Barco de Valdeorras iniciado sobre as 12,54 horas.

Todo iso nunha xornada de altas temperaturas na que case toda Galicia atópase en risco extremo de incendios. Quedaron prohibidas até novo aviso as queimas.