Estabilizado un incendio forestal que calcinou 90 hectáreas en Ponteceso

Imaxe aérea do incendio declarado en Ninóns (Foto: Exército do Aire).

Nas última horas, Medio Rural confirmou a extinción doutros dous lumes que afectaron os municipios de Negueira de Muñiz e Calvos de Randín, este último no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

 

A primeira hora desta terza feira quedou estabilizado un incendio que queimou unha superficie estimada de 90 hectáreas na parroquia de Niñóns, en Ponteceso.

O lume declarouse na noitiña desta segunda feira e afecta unha extensión aínda por determinar de forma definitiva, á espera de ser controlado e extinguido.

Negueira Muñiz e Calvos de Randín

Na contención das lapas participaron até o momento 4 técnicos, 7 axentes, 17 brigadas, 11 motobombas, 3 pas, 6 avións e 6 helicópteros.Doutra banda, nas últimas horas, Medio Rural informou de que quedaron extinguidos outros dous incendios.

O de Negueira de Muñiz, parroquia de San Pedro de Ernes, arrasou perto de 35 hectáreas, 33 de monte raso e case dúas de monte arborado.

Outro, en Calvos de Randín, queimou 0,01 hectárea de monte raso dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.