Un incendio perto de vivendas obriga a desaloxar por volta de 20 persoas en Porto do Son

Foi esta cuarta feira. O incendio xa está baixo control. As lapas continúan a se espallaren polo país. Desde a terza feira arderon por volta de mil hectáreas na Galiza, arredor de 900 delas nas comarcas ourensás.

As lapas perto das moradas obrigaron esta cuarta feira a desaloxar por volta de 20 veciñas e veciños na aldea de Calo (Porto do Son). O lume devorou 20 hectáreas nese lugar. No conxunto do concello, o incendio -que neste momento se acha controlado segundo Meio Rural- queimou un total de 50 hectáreas, todas elas de monte arbolado.

 

Tamén está neste momento sob control o lume que prendeu na parroquia de Pambre (Palas de Rei). Alí arderon 44 hectáreas, 34 forestais e 10 agrarias. Extinto estaría, sempre segundo a Consellaría, o incendio de Carballedo, cun balanzo de 9 hectáreas forestais e 4,5 agrarias ardidas.

 

O pior dos incendios produciuse nos últimos días nas comarcas ourensás. Desde a terza feira levan ardidas máis de 900 hectáreas en lumes declarados en Monterrei -concello particularmente devastado, no que vai de agosto as lapas devoraron por volta de 2.000 hectáreas-, Chandrexa de Queixa e Castro Caldelas.

 

No momento en que apresentou o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA), a finais do mes de xuño, a Xunta fixo unha estimación de que neste exercicio os incendios atinxirían un mínimo de 15 mil hectáreas en todo o país. A oposición criticou con dureza a tardanza na posta en marcha do plano.