Tres incendios activos e 600 hectáreas afectadas en Ourense

Os lumes en Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas e Monterrei continúan activos e afectan xa 600 hectáreas, afirman dende a Consellaría de Medio Rural. Os dados foron recollidos esta cuarta feira 23 de agosto ás 9:30 h da mañá.

Dos tres incendios que afectan a provincia de Ourense, o de maiores dimensións é o de Monterrei, segundo os dados oferecidos pola Consellaría, con 300 hectáreas danadas. O segundo en extensión é o incendio de Castro Caldelas onde a superficie perxudicada ascende a 200 hectáreas. O lume permanece activo tamén en Chandrexa de Queixa onde se estima que afecta xa unha superficie de 100 hectáreas.

 

Os tres lumes iniciáronse a pasada terza feira día 22 de agosto ás 17,41 h, ás 18:27 e ás 19:34. En total, hai máis de 600 hectáreas afectadas polas chamas.

 

Por outra banda, os incendios dos municipios de Cervantes, A Pobra de Trives e Montederramo xa están controlados e os de Gondomar, Celanova e Guntín foron xa extinguidos, tal e como informa a Consellaría de Medio Rural.