Ascenden a 100 as hectáreas queimadas no terceiro incendio en catro días no parque natural do Xurés

Imaxe de arquivo do incendio que afectou o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés o pasado 26 de agosto. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
O fogo segue aínda activo no concello de Muíños.

A Consellaría de Medio Rural vén de informar dun incendio forestal activo que afecta o municipio de Muíños (Baixa Limia) e que queimou xa unhas 100 hectáreas de terreo, parte delas dentro do parque natural da Baixa Limia-Xurés.

En concreto, o fogo orixinouse contra as 18 horas en Portugal, en dous focos diferentes, e desde alí entrou na Galiza pola parroquia de Prado de Limia, en Muíños. Nos labores de control traballan dous axentes, dúas brigadas e tres motobombas.

Trátase do terceiro incendio que afecta estes días este parque natural, logo de que se dese por extinguido outro esta segunda feira, procedente igualmente de Portugal, en Calvos de Randín, e a pasada sexta feira un terceiro, tamén en Muíños.

O monte produtivo reduce os incendios

Unha tese presentada no Campus Terra de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela)  certifica a desigual incidencia dos incendios forestais en función da propiedade e do modelo de xestión dos terreos queimados.

O traballo, realizado polo técnico forestal Gervasio López baixo a dirección do catedrático do Departamento de produción vexetal e proxectos de enxeñaría da USCManuel Marey, analiza a relación entre a conflitividade social e os fogos intencionados rexistrados na Galiza entre os anos 1999 e 2014, ao ter datos oficiais só até 2015. Nese período houbo un total de 104.225 incendios dos que 96.648 foron provocados.