Estabilizado o incendio forestal en Negueira de Muñiz e extintos os de Padrenda

Imaxe de arquivo dunha actuación dos servizos de extinción. (Foto: Brif Laza)
As institucións galegas informan de que o lume en Negueira de Muñiz foi controlado este domingo pola mañá. En Padrenda, Medio Rural alerta de que os lumes foron intencionados.

A Consellaría de Medio Rural actualizou está mañá o mapa galego de incendios para comunicar que o incendio forestal que calcinou cando menos 24 hectáreas en Negueira de Muñiz está estabilizado.

O lume afecta principalmente a parroquia de San Pedro de Ernes, onde foi emitido este sábado o primeiro aviso da existencia das lapas.

Mellor sorte tiveron no concello de Padrenda, onde na madrugada da sexta feira ao sábado tamén se viviron outros dous incendios, un deles cualificado de “estabilizado” e outro baixo control ese mesmo día, sendo reportados hoxe como extintos.

Lumes intencionados

Nos dous lumes da vila, Medio Rural explica que “se constatou que houbo varios focos”, polo que coas informacións coas que contan até o de agora “todo apunta a que son intencionados”, aseveran.

Todo comezou ás 23.24 da sexta feira, cando se deu aviso do incendio forestal. Tres axentes, nove brigadas e seis motobombas participaron na súa extinción, tras arder 8 hectáreas foi controlado ás 7.07 da mañá.

O segundo foco foi localizado á 01.50, e queimou 19 hectáreas antes de ser estabilizado á mesma hora que o primeiro, despois do traballo de dous axentes, cinco brigadas, catro motobombas e unha pa.

Nesta campaña de verán, 30 persoas foron investigadas pola Policía pola presunta autoría de incendios forestais.