Trasladadas dúas persoas con síntomas de intoxicación tras un incendio nun garaxe en Fisterra

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Aliás, unha muller foi rescatada tras envorcar o seu turismo na estrada N-550 á altura do Porriño.

Dúas persoas foron trasladadas con síntomas de intoxicación por inhalación de fume por mor dun incendio nun garaxe no municipio de Fisterra (comarca homónima). Aínda que outra persoa máis resultou afectada foi atendida no punto. Segundo informou o 112, pasadas as 2 horas desta madrugada recibiron a chamada dun particular que indicaba que os feitos comezasen nun coche e que o incendio collía moita intensidade, polo que comprometía o vehículo e o garaxe, que estaba pegado á casa.

De feito, o fume entrou na vivenda e afectou os seus ocupantes, polo que tres persoas resultaron afectadas, das que dúas necesitaron ser trasladadas ao hospital. Os bombeiros de Cee foron os encargados da extinción, ventilación e medicións necesarias para comprobar a ausencia de gases. O lume arrasou o coche, o garaxe e unha cociña.

Os feitos sucederon nunha vivenda situada en Castro de Duido e ademais dos bombeiros e sanitarios, participaron os voluntarios de Protección Civil e Garda Civil, segundo a información facilitada pola central de emerxencias.

Incendio en Lugo

Por outra parte, os Bombeiros de Lugo atenderon un lume na Avenida das Américas de Lugo causado por unha pota que quedou esquecida no lume e ninguén resultou ferido. Sucedeu pasadas as 2 horas desta madrugada e foi un veciño quen, tras observar fume nas zonas comúns do edificio, chamou o 112.

Rescatada unha muller tras envorcar o seu turismo no Porriño

Aliás, unha muller foi rescatada tras envorcar o seu turismo na estrada N-550 ao seu paso polo municipio do Porriño (comarca de Vigo), e foi evacuada en estado grave. Segundo informou o 112, foi ao fío das 6.30 horas cando recibiron a chamada de varias persoas que informaron de que no interior do vehículo, que estaba moi danado e perdía combustíbel e que tiña dentro unha persoa atrapada.

Ante esto, a central de emerxencias pediu a colaboración dos bombeiros do Baixo Miño para realizar o rescate da única ocupante do vehículo que, tras quedar liberada, foi atendida e trasladada, "con lesións importantes", por Urxencias Sanitarias do 061.

Ademais, os xestores de 112 solicitaron a intervención dos equipos de limpeza e mantemento da vía, a N-550 no quilómetro 154, para poder restabelecer as condicións de seguridade. No operativo tamén participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.