O incendio dun camión obriga a cortar un carril da AP-9 á altura de Barro en sentido Compostela

Intervención dos bombeiros no camión incendiado (Foto: Concello de Sanxenxo).
Un camión cisterna rexistrou esta quinta feira, sobre as 6.30 horas da madrugada, un incendio cando circulaba á altura de Portas.

Un camión cisterna rexistrou esta quinta feira, sobre as 6.30 horas da madrugada, un incendio cando circulaba á altura de Portas, na comarca de Caldas, mentres transitaba pola AP-9.

O lume, segundo informou o Concello de Sanxenxo (da comarca do Salnés), que enviou efectivos de emerxencias, iniciouse no eixo traseiro do vehículo, no que se transportaban 40.000 litros de gasóleo agrícola.

Esta situación obrigou a cortar o carril dereito da AP-9, en sentido Santiago de Compostela, á altura de Curro, no municipio de Barro (comarca de Pontevedra), unha restrición do tráfico que permanecerá varias horas para poder transvasarse a carga do camión.

O aviso tivo lugar ás 6.30 horas e afectou o punto quilométrico 114 da AP-9. A Central do 112 mobilizou efectivos de Protección Civil, do Servizo Local de Emerxencias de Sanxenxo e da Garda Civil de Tráfico.

Segundo a información remitida polo Concello de Sanxenxo, arderon dous eixos e seis rodas, mais a cisterna aguantou e non se produciu un derrame da carga do camión.

Iso si, o chasis viuse afectado, de maneira que ao ser de aluminio fundiuse coa calor. O condutor, ao darse conta do incendio, arrimouse á beiravía e desenganchou a cabeza tractora do vehículo e non houbo persoas feridas.