Estabilizado o incendio de Cualedro, o maior da tempada, que arrasou máis de 1.500 hectáreas

Ára queimada polo municipio de Cualedro orixinado na parroquia de San Millán o 29 de xullo de 2020 (Imaxe: Rosa Veiga).
Os dispositivos de extinción dan por estabilizado o incendio forestal que afecta os municipios de Cualedro e Monterrei, e que arrasou 1.535 hectáreas de terreo, o máis grave desde a vaga de incendios de 2017.

O incendio detectado no concello de Cualedro o pasado 29 de xullo, na parroquia de San Millán, continúa activo. A raíz do rápido avance das lapas, empurradas polos fachos de vento,  o municipio de Monterrei tamén se veu afectado. A veciñanza de San Cristovo, núcleo deste concello, tivo que ser desaloxada das súas casas logo de que a Xunta da Galiza se vise obrigada a activar a situación 2. Outro lume orixinado en Monterrei calcinara previamente un total de 720 hectáreas de terreo.

No caso do de Cualedro, desde a primeira xornada na que se detectou a Consellaría de Medio Rural cifra a superficie afectada en 1,535 hectáreas, das que 525 son agrícolas. Segundo o último parte emitido por Medio Rural esta mesma mañá, os traballos de extinción mobiliaron dous técnicos, 42 axentes,105 brigadas, 43 motobombas, seis pas, 13 helicópteros e 13 avións, así como membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A última hora da quinta feira, o incendio tomou o rumbo do municipio de Oímbra, alcanzando a área situada entre Bousés e A Granxa. Os medios aéreos conseguiron atallar as lapas e illar o lume ao carón da estrada que une ambas localidades, polo que a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, non chegou a percibir en ningún momento risco para a veciñanza destas zonas.

Na mesma área, un incendio orixinado en Chaves, Portugal, cruzou a raia a través do municipio de Vilardevós, a onde se trasladou a Brigada de Reforzo de Incendios Forestais. A fronte do lume, quilométrica, provocou unha densa fumareda. Nesa xornada foi detectado outro incendio no concello de Rodeiro, que está estabilizado e que afectou a unhas 100 hectáreas, mentres que o localizado na Pobra da Caramiñal na sexta feira queimou 42,42 hectáreas. 

A oposición pide medidas

O deputado electo polo BNG, e responsábel da área de Medio Rural durante a pasada lexislatura, Xosé Luís Rivas 'Mini', reclamou medidas de vixilancia específicas para aquelas zonas nas que, ano tras ano, se repiten os mesmos incendios abarcando tamén a mesma área de afectación. É o caso dos municipios de Cualedro e Monterrei, que pertencen ao distrito forestal, o número XIV Viana-Verín, que máis sinistros rexistrou entre 2007 e 2018.

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, se pronunciou na quinta feira en relación aos lumes rexistrados este verán. O líder socialista criticou a "situación de falta de coidado do medio rural e a falta de prevención e coidado das masas forestais"

Folga do persoal técnico

Este 1 de agosto, arredor dun cento dos profesionais técnicos que integran o servizo de prevención de incendios forestais da Xunta están chamados á folga. Nunha concentración, representantes dos sindicatos organizadores aseguraron que as súas reclamacións non pasan por subas salariais, senón por unha adaptación do servizo "ao século XXI".

O Diario Oficial da Galiza recolleu onte os servizos mínimos desta folga de carácter indefinido, que fixa en 100% nas tarefas de coordinación durante a tempada de alto risco de incendios