O incendio de Castrelo volve evidenciar a falla de brigadas e "eivas nos operativos"

As chamas estendéronse rápido en Castrelo de Miño por mor dos refachos de vento. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O incendio que na tarde da cuarta feira se orixinou na parroquia de Barral (Castrelo de Miño) e que afectou tamén o municipio veciño de Cartelle queimou máis de 150 hectáreas e obrigou a mobilizar un amplo dispositivo no que non estaba a brigada municipal, ao non se constituír este ano por decisión do Concello.

En apenas 12 horas o incendio en Castrelo de Miño, na comarca do Ribeiro, queimou 150 hectáreas —unha cifra que xa supera as 200—. Un incendio que evolucionou "favorabelmente" ao longo de onte, mais pendentes do vento. Unha situación de relativa calma que contrastaba coa vivida horas antes. "A xente botaba chispas, estaba moi enfadada", indica un veciño de Castrelo de Miño, que sinalaba como causas dese anoxo "a falla de medios".

Desde a Xunta informouse que nas tarefas de extinción traballaron até o momento, entre outros medios, 41 brigadas, 26 motobombas, seis avións, catro pas, 11 helicópteros e 21 técnicos. Porén, veciñanza de Castrelo sinala a Nós Diario que os medios de extinción tardaron en chegar debido, en boa parte, a que o Goberno local decidiu non solicitar as brigadas municipais, contratadas polo anterior Goberno do BNG.

Alfredo Fernández, da formación nacionalista en Castrelo, sinalou onte a este medio que a semana pasada preguntaran no pleno pola non contratación das brigadas. "O alcalde [Avelino Pazos, do PP] alegou que os das brigadas doutros anos non traballaban e non había ninguén de Castrelo".

Tardanza

Veciños deste Concello denunciaron tamén que a motobomba da que dispón o municipio "chegou tarde porque estaba a ser reparada no taller, en plena tempada de alto risco de incendios". Engaden, aliás, que o fogo se "descontrolou" ao longo de boa parte da extensión do piñeiral da Serra e mor dos refachos de vento, que avivaron as chamas. "O hidroavión chegou tarde. Se tivese estado desde o principio, estando tan perto dun encoro, a extinción tería sido moito máis rápida e sinxela", afirman.

"Púidose facer máis para controlalo no inicio. Se houbese, como os anos anteriores, a brigada municipal actuaríase nun primeiro momento", afirman estas mesmas fontes.

Unha situación que afecta máis concellos

A falla de brigadas municipais non é algo exclusivo de Castrelo de Miño, se ben aquí esa carencia deriva dunha decisión do actual Goberno do PP de non pedir este convenio, segundo denuncia a oposición.

O inicio, hai dúas semanas, dos incendios do Courel colleron  boa parte dos concellos afectados sen brigadas municipais de loita contra os fogos.
Así, a totalidade dos municipios do distrito forestal VIII, onde se inclúen Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón ou Quiroga, non contaba neses momentos con brigadas municipais contra incendios en funcionamento polos atrasos da Xunta da Galiza á hora de enviar a estes municipios os convenios correspondentes, tal e como informou Nós Diario. A situación repetíase nas localidades incorporadas ao distrito forestal XII, do que fan parte, entre outras, O Barco de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras, e que tamén sufriron a vaga de incendios iniciada a mediados deste mes de xullo.

Un problema análogo sucede cos convenios promovidos polo Goberno galego para financiar aos concellos o uso de motobombas, que provocou que en localidades como Folgoso, algúns dos vehículos existentes non puidesen ser utilizados para combater os lumes.

"E agora que?", pregúntanse no Courel

Esta quinta feira fixéronse dúas semanas do inicio dos grandes incendios en Valdeorras e O Courel, que arrasaron entre ambos os dous máis de 28.000 hectáreas, e que non se extinguiu totalmente até a tarde de onte. Adrián González, veciño de Eufemia, no Courel, afirmaba a este diario que "moito lume pasou ás raíces das árbores e hai que estar vixiantes".

González indica que a veciñanza "aínda está a dixerir todo o que pasou" e a estudar as liñas de axudas anunciadas pola Xunta para as afectadas polos incendios. Pregúntase tamén "que se vai facer agora con todo o monte queimado". A veciñanza destas zonas tamén pide que desde as diferentes Administracións se tiren leccións do sucedido: "Ao mellor o de plantar piñeiros no Courel non é tan boa idea como algúns pensan".