Un incendio xa controlado afecta o parque natural da Baixa Limia-Xurés

As chamas vistas desde Calvos de Randín. (Foto: @BomberoForestaI / Twitter)
Menos dunha hectárea calcinada no segundo lume rexistrado neste espazo protexido desde a sexta feira.

O incendio que se iniciou en Portugal na tarde deste domingo e que afecta o concello limiao de Calvos de Randín, na parroquia de Randín, quedou estabilizado na parte galega ás 20.34 horas, e controlado ás 8 horas desta segunda feira. Con todo, segue activo alén da raia.

A Consellaría de Medio Rural informou de que o lume se iniciou en Portugal ás 17.24 horas e, posteriormente, entrou en territorio galego, afectando menos dunha hectárea no parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, segundo as estimacións ofrecidas.

Na parte portuguesa traballan, aliás, medios da Xunta para aplacar o fogo forestal, segundo indicou o Goberno galego. En concreto, para o control do incendio mobilizáronse dous axentes, tres brigadas e dúas motobombas.

A pasada sexta feira rexistrárase outro incendio no mesmo parque natural, mais desa volta afectando o termo municipal de Muíños, na Baixa Limia. A superficie calcinada fora tamén inferior a unha hectárea.