Os catro incendios que aínda non foron extinguidos arrasaron xa 645 hectáreas

Bombeiros realizan labores de extinción no incendio que desde esta fin de semana azouta Arbo. (Foto: BrifLaza)
O máis grande é o de Mourentán, en Arbo, que segue activo e calcinou perto de 400 hectáreas de terreo.

O incendio forestal que continúa activo e leva arrasadas 400 hectáreas no municipio de Arbo non rexistrou variacións nas últimas horas no que atinxe á superficie afectada, e quedou desactivada a alarma preventiva pola proximidade das chamas ás vivendas do núcleo das Searas.

Así consta no último parte da Consellaría do Medio Rural emitido esta terza feira, con datos até as 8.30 desta mañá, que reflicte que aínda hai catro fogos non extinguidos cun balance de 645 hectáreas calcinadas.

O máis grande é, polo tanto, o de Arbo, que segue activo na parroquia de Mourentán con 400 hectáreas queimadas. Para combater este lume traballaron nove técnicos, 26 axentes, 75 brigadas, 50 motobombas, cinco pas, dúas unidades técnicas de apoio, doce avións e dez helicópteros. Tamén se desprazou até Arbo a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Precisamente, o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, destacou esta segunda feira, en declaracións aos medios após un acto en Ames, a despregadura dun total de 50 efectivos desta unidade, alén de "máis de 20" medios terrestres e outros medios aéreos.

Preguntado a respecto diso, Miñóns dixo non ter "constancia" de se foi intencionado, como sostén a Xunta, pero asegurou estar "entregado na colaboración" coa Administración galega na despregadura dos efectivos que solicite.

Outros incendios controlados

Baixo control segue, pola súa parte, o incendio forestal rexistrado na parroquia de Barral, en Castrelo de Miño, tras queimar 200 hectáreas, segundo as medicións provisionais.

Tamén permanece controlado o lume rexistrado na parroquia de Oroso, na Cañiza, após queimar unha superficie provisional de 25 hectáreas. E baixo control, igualmente, segue o incendio forestal de Padróns, en Ponteareas, que arrasou 20 hectáreas.