Persoal da extinción de incendios clama pola constitución das brigadas forestais municipais

A Asociación de bombeiros e bombeiras forestais da Galiza denuncia “a pésima xestión da Xunta".

Brigadistas desprazándose este sábado ao incendio de Arbo, na Paradanta (Foto: BrifLaza)
photo_camera Brigadistas desprazándose este sábado ao incendio de Arbo, na Paradanta (Foto: BrifLaza)

A Asociación de bombeiros e bombeiras forestais da Galiza (Bomfocoga) vén de lanzar este domingo un comunicado en repulsa pola xestión forestal da Xunta da Galiza, así como polo feito de que as brigadas forestais municipais aínda estean pendentes da súa constitución.

“Un ano mais chegan os meses de verán e o noso monte arde sen control, o xeral da veciñanza afectada por esta vaga de lumes na que arden vivendas, montes e reservas protexidas, coinciden nunha demanda, máis medios e máis prevención”, afirman desde a Bomfocoga.

Mentres que o lume avanza, “as bombeiras e bombeiros forestais dos Concellos da Galiza seguimos agardando a contratación, esa contratación temporal de tan só tres meses o ano que sempre chega tarde”, denuncian. “Que chega, se é que chega, cando a alerta de alto risco de incendios xa leva meses activada”, explica o colectivo de extinción de incendios.

“Téñennos na casa agardando por ese traballo que exercemos de forma rigorosa a pesar da pésima dotación en medios de seguridade” e coas “carencias de formación que levamos anos denunciando”, proseguen.

“Atopámonos parados, de brazos cruzados, sabendo que a nosa labor neses lumes podería ser crucial para evitar a catástrofe”, sinalan desde a Asociación de bombeiros e bombeiras galega, en referencia á non constitución das brigadas municipais contra os incendios forestais.

“Vemos polo tanto a necesidade de emitir este comunicado para denunciar publicamente e pedir explicacións por esta situación que entendemos responde a intereses que pouco teñen que ver cos da nosa poboación”, sinala o colectivo.

Deste modo, denuncian “a pésima xestión da Xunta”, que “insiste en investir unha morea de cartos públicos na extinción dos lumes, no canto de diminuír este gasto investindo en prevención”.

Para isto, explican, sería necesaria “a contratación de máis persoal” durante “un maior período de tempo” para poder “evitar así o problema nos meses de baixo risco con traballos de roza e limpeza dos montes”.

Denuncian, así mesmo, que o sistema de contratación das brigadas municipais “precariza e fomenta a desigualdade” ao tempo que “desprofesionaliza o sector, actuando coma un parche que ano tras ano demostra non funcionar máis que para o beneficio do Goberno municipal de quenda”.

“A lacra dos lumes é un problema que afecta a todas as personas”, insisten desde Bomfocoga. “É noso medio natural o que está en perigo e somos o persoal traballador o que pomos o corpo para paliar este desastre que non ten un fin á vista mentres a Administración mire cara outro lado”, afirman. “Na mellora do servizo está o futuro do noso monte e por iso pedimos solucións a curto prazo”, demanda a Asociación de bombeiros e bombeiras forestais da Galiza.

Comentarios