Iñaki Gil de San Vicente, profesor e pensador marxista: "Ao abeiro desta crise comeza a haber movementos populares"

Gil de San Vicente, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Arxina)
Iñaki Gil de San Vicente intervén esta quinta feira en Compostela e o sábado en Lugo na palestra 'Movementos populares, importancia, retos e contexto actual', organizada por Republica.gal. Onte fíxoo na Coruña. Defínese como “un pensador vasco” e analiza o contexto de crise estrutural e o papel da mobilización e resposta popular.

—Que é un pensador vasco?

Xa nos anos 70 plasmouse nas mobilizacións, en documentos e debates que do mesmo modo que había un marxismo chinés de Mao Tse Tung, un cubano de Fidel Castro ou o do Che Guevara, tamén había un marxismo vasco. Eramos o sitio con maior número de presos políticos de Europa, co maior número de policías, exércitos e torturados, e á vez o maior número de sindicalistas obreiros. No ano 2023, até o 60% das folgas en todo o Estado español se sostiveron en Euskadi, e non chegamos a 3 millóns de habitantes. 

—En que situación están agora os movementos populares?

Estamos a sufrir unha crise moi dura, que está empobrecendo a xente e está aumentando a vixilancia e o control policial e represivo. Ao abeiro do empobrecemento empeza a haber movementos populares. Na Galiza tamén se está producindo un reverdecemento, é inevitábel. A CIG é un sindicato maioritario que vai desprazando o sindicalismo reformista español. O mesmo pasa en Euskal Herria. Os sindicatos reformistas españois están en proceso de declive biolóxico. 

—Como é a relación dos partidos cos movementos populares?

Os partidos teñen que engulir os movementos populares porque van envellecendo e precisan sangue fresco, xente que traballe de funcionarios do partido en Concellos, Deputacións, goberniños autonómicos e institucións estranxeiras (europeas e españolas). Precisan unha reserva de man de obra. Moitas veces os partidos entran en asociacións veciñais, ecoloxistas... buscando as persoas máis propensas, por debilidade ideolóxica ou necesidade económica, a deixar un movemento popular e profesionalizarse. 

—Todos os partidos fan isto?

Os partidos que fan das institucións e o Parlamento o seu único campo de acción. Precisan atar ou destruír a iniciativa e a independencia dos movementos populares, porque non lles interesa ao PP ou PSOE na Galiza que haxa un movemento popular moi potente en contra dos grandes supermercados ou da invasión turística. Iso é un perigo para os partidos institucionalizados. 

—Perante as eleccións deste domingo en Euskadi, como analiza o escenario?

O escenario, como xa estaba previsto desde hai tempo, é dunha tendencia á alza de Bildu, de descenso do PSOE e do PNV e de estancamento do PP, que é residual, así como hai unha tendencia á desaparición de Sumar, IU e Podemos. A xente sabe que lle están recortando dereitos, que practicamente non hai sanidade pública, que a educación pública vasca estase a entregar a mans da Igrexa nos centros concertados. Xa non é a Euskal Herria dos anos 70. Estase a recruar o ataque contra a lingua vasca, mesmo contra o propio Estatuto de Autonomía, impondo baixo arbitraxe xudicial de caprichos españolistas o recorte de dereitos da poboación euskaldún a falar euskera. 

—Ponse de exemplo Euskadi como excepción á corrupción.

Non se fala moito da corrupción en Euskadi pero hai, e moita, o que pasa é que ao Estado español lle interesa polo de agora manter esa corrupción en silencio. Cando queiran sacarana, como fixeron con Pujol. Aquí hai casos terríbeis de corrupción, cousas que a prensa silencia porque todos teñen que manterse no poder. 

—Se Bildu gaña o domingo, poderá gobernar?

Non sabemos se iso vai acontecer. Hai un aumento da agresividade na prensa contra Bildu. É posíbel que gañe e os pactos son complicados, pero terminarán facendo pactos. O PSOE non quere perder os 'choios' que ten na Administración autonómica vasca.


Análise desde o socialismo abertzale

Iñaki Gil de San Vicente ten a bagaxe e a experiencia propia de quen leva décadas pensando en vasco a realidade de Euskal Herria. Asegura que estamos a vivir “unha ofensiva españolizadora sistemática”. Ten claro que, nese contexto, “o PSOE negocia cos cataláns só por non perder o Goberno” e ve na amnistía unha “trampa, que non vai liberar máis que uns poucos dos 4.200 presos e presas e enxuizadas”.

A respecto do mapa político do Estado, alerta do “nacionalismo español de Sumar, Podemos e IU, son máis españois ca un botijo”, afirma. Critica o “clientelismo” que está actualmente “metido en todas as administración burguesas”, tamén en Euskadi, onde identifica un “clientelismo industrial, de pequenas e medianas empresas e mesmo de industrias tecnolóxicas”, que asegura que “”votarán PNV, PP ou PSOE por un posto de traballo nunha Administración”.