Imputados na 'Operación Jaro' sitúan De los Cobos como co-responsábel do operativo contra o independentismo galego

De los Cobos, chegando á Audiencia Nacional para testificar no xuízo contra o referendo catalán (Imaxe: Eduardo Parra / EP)

O coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, cesado esta segunda feira e no epicentro da treboada política-mediática que estes días percorre o Estado español, ten no seu pasado tamén un papel contra o independentismo galego, segundo apontan as propias imputadas na 'Operación Jaro', proceso en base ao cal a Audiencia Nacional solicita 102 anos de prisión para 12 independentistas.

Nas 83 páxinas do informe elaborado pola Policía Xudicial da Comandancia de Madrid, dirixida até a segunda feira polo coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, constrúese un relato con imprecisións, erros de datas e titulares de prensa ultraespañolista, para responsabilizar do contaxio do coronavirus as mobilizacións do 8-M e o Goberno estatal por permitilas.

Dssde o independenismo galego tamén se apontan informes policiais na 'Operación Jaro' que estiveron no albo da polémica, con exemplos como o de que as persoas detidas participaran en homenaxes aos Mártires de Carral, como se ese feito fose “apoloxía do terrorismo”, denunciaban as imputadas.

As imputadas na Operación Jaro indican que Diego Pérez de los Cobos era na altura daquel operativo policial, 2015,director do Gabinete de Coordinación e Estudos do Ministerio do Interior dirixido por Fernández Díaz. “Cobos foi, portanto, co-responsável pola primeira Operación Jaro, que se saldava com umha intensa campanha de criminalizaçom do independentismo galego”.

Pérez de los Cobos entra no Ministerio do Interior en 2006 da man de Pérez Rubalcaba, sobrevivindo ao cambio de Goberno coa chegada do PP e Mariano Raxoi, que o mantén como asesor do Ministerio do Interior.

En Catalunya desembarca o 23 de setembro de 2017 coa misión de impedir o referendo de autodeterminación. É o responsábel do operativo policial que se salda con cargas policiais contra votantes.