Unha ILP para cambiar o modelo de xestión do monte a a política contraincendios

‘Cousa de raíces’ -que representa 60 organizacións, colectivos e entidades- chama a apoiar esta iniciativa lexislativa popular a tdas aquelas persoas que aposten no “bosque autóctono” e nun “mundo rural multifuncional e sustentábel”.

Esta quinta feira presentábase no Parlamento de Galiza a documentación pola que se activa o proceso para recoller sinaturas de apoio para poder debater na Cámara a iniciativa lexislativa popular (ILP) para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais. A terceira ILP forestal promovida en Galiza en 30 anos.

 

A iniciativa impulsada por Cousa de Raíces propón un cambio de modelo forestal e de política anti-incendios, que evite que sucedan desfeitas como as que se viviron estes días en Galiza ao tempo que senta as bases para un “mundo rural vivo”.

 

Fins Eirexas (Adega) fixo un chamamento á cidadanía galega a apoiar esta ILP. "O que queremos é trazar unha liña vermella, os que están ao lado do bosque autóctono, de parte dun mundo rural multifuncional e sustentábel teñen que apoiar esta ILP; o contrario significa poñerse de lado do eucalipto, de ENCE, dos lumes".

 

Ordenar o territorio, unha nova xestión das masas boscosas, apostar no monte multifuncional ou crear franxas de seguridade son algunhas das propostas concretas recollidas nesta ILP.