As imprudencias e os despistes están detrás da maior parte dos afogamentos

Un grupo de rapaces participa nun obradoiro de primeiros auxilios no hospital de Ourense, onde aprenderon a previr os afogamentos. (Foto: Nós Diario)
Até o 31 de xullo, a Galiza rexistrou 23 mortes no medio acuático.

Os primeiros sete meses de 2023 acumulan os peores datos de mortes por afogamento non intencionado na Galiza desde o ano 2018. Até o 31 de xullo faleceron 23 persoas en diferentes espazos acuáticos do territorio, segundo recolle o Informe Nacional de Afogamentos (INA) que elabora a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo.

A Galiza reflicte unha tendencia á alza xeneralizada no conxunto do Estado. As mortes por afogamento ascenderon na primeira metade do ano até as 249, das cales 79 perderon a vida o pasado mes de xullo.

A federación estatal de Salvamento e Socorrismo recompila os datos de afogamentos desde o ano 2015; unha serie, advirte, que pon de manifesto a necesidade "perentoria" de que as institucións públicas aborden a posta en marcha dunha Estratexia Estatal de Seguridade Acuática que acabe coas disfuncións e garanta a protección da vida das persoas no medio acuático.

As crianzas de 1 a 4 e de 5 a 9 anos rexistran as taxas de afogamento máis elevadas

A Organización Mundial da Saúde tamén chama a atención sobre o impacto dos afogamentos, "un problema de saúde pública infravalorado pero letal". Cada ano causa unhas 236.000 mortes en todo o mundo, unhas 20.000 en Europa. Máis da metade destes falecementos prodúcense entre menores de 25 anos. As crianzas de 1 a 4 e de 5 a 9 anos rexistran as taxas de afogamento máis elevadas, de feito, a asfixia por inmersión supón a segunda causa de morte entre rapazada de 5 a 14 anos.

Condutas seguras

A OMS chama a investir en medidas de prevención eficaces para salvar vidas e evitar lesións graves en vítimas de afogamento, unha encomenda que corresponde aos Gobernos pero que tamén lideran desde servizos sanitarios específicos como os de pediatría ou enfermaría de Atención Primaria.

Marta Fernández del Río, residente de enfermaría familiar e comunitaria no centro de saúde de Valenzá, en Barbadás (comarca de Ourense), colaborou no deseño dun panel informativo que repasa como actuar para reducir o risco de afogamento e ante un accidente destas características.

"O perigo de afogamento pode previrse respectando as normas e tomando conciencia dunha falsa seguridade, moi estendida, sobre o que significa bañarse". advirte. A vixilancia é a principal recomendación. "Cos menores de 5 anos non vale iso de 'marcho cinco minutos'. Teñen que estar permanente vixiados o 100% do tempo", afirma Fernández del Río, quen lembra que a meirande parte dos casos de afogamento se producen na contorna familiar por mor de "despistes" fatais que precisan de moi poucos segundos. 

No mar, os equipos de salvamento téñeno máis complicado canto máis mar a fóra, por iso se recomenda nadar perto da beira

A diferenza das crianzas, as persoas adultas xa tiveron a oportunidade de aprender a nadar, gozan de máis recursos para pórse a salvo. "Poden berrar e pedir axuda", di, fronte ao afogamento silencioso da cativada.

Un afogamento é algo evitábel, insiste a enfermeira, tamén no mar, onde anima a bañarse en lugares coñecidos, sempre baixo a vixilancia de socorristas e prestando atención aos cambios. "Os equipos de salvamento téñeno máis complicado canto máis mar a fóra, por iso se recomenda nadar perto da beira e evitar condutas de risco como tirarse de cabeza, bañarse de noite, baixo os efectos das drogas ou do alcol ou sen comprobar a temperatura da auga.


"Aínda cando se sabe como actuar sempre se pode marcar o 112"

Aprender a nadar é unha das primeiras medidas de prevención fronte aos afogamentos, pero até as persoas nadadoras poden sufrir unha indisposición e verse en apuros. Bañarse acompañado reduce o risco de morte e incrementa a supervivencia. "O importante é procurar unha intervención rápida porque a ausencia de osíxeno durante máis de catro minutos provoca lesións cerebrais permanentes".

Protexer a vítima e levala a un lugar seguro é o primeiro paso. "Se respira hai que colocala de lado, en posición de seguridade, e se non, iniciar a reanimación cardiopulmonar". En calquera caso hai que marcar o 112. "Activar os equipos de rescate é algo que sempre se pode facer, aínda cando non se sabe como actuar. Lanzarse á auga para salvar unha vida é algo que só se recomenda cando a propia seguridade está garantida".