O imprescindíbel de 2021, no Anuario de ‘Nós Diario’

O Anuario conta con máis de cen páxinas a cor (Imaxe: Nós Diario)

‘Nós Diario’ chega este sábado acompañado dunha publicación especial: o Anuario 2021. Máis de 100 páxinas a cor cunha escolma das pezas máis representativas do ano e con dez análises de diversas temáticas realizadas por persoas expertas, en exclusiva, para esta publicación.

2021 está a piques de concluír e non só deixa a pegada da Covid-19. Foi este un ano marcado por ducias de informacións que recollemos no Anuario 2021 que acompaña este sábado, 18 de decembro, Nós Diario.

Trátase dun Sermos Galiza especial, de máis de 100 páxinas a cor, cunha escolma dos contidos xornalísticos máis significativos do ano, tanto pola súa relevancia como por seren representativos ou exclusivos de Nós Diario.

Desde as mobilizacións con motivo do 8 de marzo, pasando polo escándalo dos bebés roubados durante o franquismo, os xuízos pola caixa B do Partido Popular, os favores do Goberno galego a grandes empresas eólicas... E tamén a burbulla eólica, o aproveitamento hidroeléctrico, a anulación da prórroga da concesión de Ence, a falta de vivendas en alugueiro, as dificultades para abortar na sanidade pública...

A información viral sobre Siri e o galego, os orzamentos de 2022, as irregularidades detectadas na concesión da AP-9, a expatriación do aforro galego... E fotografías, entrevistas, contidos de internacional, de deportes... E moito máis. Todo isto vén recollido no Anuario, que incorpora dez artigos de análise en exclusiva para esta publicación.

Dez artigos de análise en exclusiva

Entre as pezas publicadas atópase a de Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político, que ofrece a súa visión ao redor da política nacional ao longo deste ano. Xulio Ríos, presidente de honra do Instituto Galego de Análise e Documentación (IGADI), fará o propio coa política internacional, con especial énfase nas tensións entre a China e os EUA.

O doutor en Ciencias Económicas Albino Prada ofrece unha radiografía en relación á pegada de 2021 na economía e expón as perspectivas para o futuro próximo, mentres que a doutora en Ciencias Económicas e Empresariais María do Carme García Negro revisa o ano desde o punto de vista do mundo do traballo.

Míriam Couceiro, escritora e socióloga, pon o foco na igualdade e nos puntos de debate candentes na esfera dos feminismos, mentres que o presidente de Adega, Roi Cuba, atende aos retos do ecoloxismo para o próximo ano, non sen antes facer un percorrido sobre o que deixa tras de si 2021 en relación ao medio ambiente e, de maneira singular, a respecto da proliferación de proxectos eólicos.

Ademais, a escritora e xornalista Montse Fajardo analiza o ano en relación á memoria, mentres que o lingüísta e doutor en Filoloxía Xosé Ramón Freixeiro Mato ofrece un resumo do que foi 2021 para a lingua galega.

Rocío Castro, xornalista especializada en cultura, é a encargada de repasar os fitos culturais de 2021, mentres que a atleta e profesora da Universidade de Vigo Alba Cuba pon a ollada nos logros deportivos deste ano que remata e nos retos que o deporte galego ten por diante.

Máis de 100 páxinas a cor de Anuario, á venda con Nós Diario, este sábado 18 de decembro por só 3 euros. Bule ao quiosco!

Súmate desde menos de 0,60 euros

Nós Diario é posíbel grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. Faite asinante por menos de 0,60 euros ao día. Tamén podes contribuír con Nós Diario facéndote mecenas ou expresando a túa amizade co proxecto cunha doazón.