ANEGA di que o reitor da USC está "fóra da realidade" por pretender realizar exames en xuño

Asamblea na USC (Foto: Nós Diario).
A organización estudantil ANEGA amosa a súa "incredulidade" fronte as últimas declaracións de Antonio López en Nós Diario

A organización estudantil ANEGA amosa a súa "incredulidade" fronte as últimas declaracións de Antonio López en Nós Diario, nas que expresaba a súa intención de realizar as probas de avaliación en xuño.

As estudantes denuncian que o reitor "está completamente fóra da realidade”, e apuntan que “non queda outra que optar pola finalización do curso de inmediato: é a única saída xusta e de sentido común".

O colectivo estudantil sinala que as declaracións do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a Nós Diario supoñen unha “ruptura de todas as pontes existentes", e critican a “inacción” da reitoría e o “desleixo” con respecto das demandas das estudantes.

Non ocultan a súa decepción: “O reitor (Antonio López) parecía diferente, e no momento máis decisivo, está replicando os erros dos equipos reitorais anteriores”. Ademais, láianse de ter que enterarse “pola prensa” de cal é a posición do reitor.

Desde ANEGA denuncian que a USC está a “rachar” un compromiso adquirido coas estudantes, ás que lle prometeron “non ampliar o calendario académico en ningún caso”, o que consideran “indignante”, porque “a medida non ten en conta a realidade das universitarias que abandonan os seus pisos en maio, nin dos que teñen que traballar durante o verán”.

Por último, as estudantes temen que o aprazamento das avaliacións "hipoteque o normal desenvolvemento do curso que vén", por iso reclaman “a cancelación urxente do curso, coa superación de todas as materias sen que estas computen na media”. A proposta, din, "é a única que ofrece garantías para que todo o estudantado  teña igualdade de oportunidades".